Capítulo 1

1 Paulo, apóstolo de Cristo Xesús, segundo mandato de Deus, noso Salvador, e de Cristo Xesús, nosa esperanza, 2 a Timoteo, xenuíno fillo na fe: graza, misericordia e paz de Deus Pai e de Cristo Xesús, noso Señor. 3 Xa che roguei, cando pasaba a Macedonia, que ficaras en Éfeso para instruíres a algúns que non ensinen unha doutrina diferente, 4 nin presten atención a mitos, e a xenealoxías interminables, que máis ben dan pé a discusións e non á administración da casa de Deus pola fe. 5 O propósito desta instrución é o amor que vén dun corazón puro, da boa conciencia e dunha fe non finxida, 6 cousas das que se afastaron algúns sendo desviados a conversas vas, 7 querendo ser mestres da lei, mesmo sen entender o que din nin as cousas das que fan aseveracións categóricas. 8 Pero nós sabemos que a lei é boa, se un fai uso dela lexitimamente, 9 sabendo isto: que a lei non é posta para o xusto, senón para os transgresores e desobedientes, para os malos e pecadores, para os irreverentes e profanos, para os parricidas e matricidas, para os homicidas, 10 para os fornicarios, os sodomitas, os que escravizan a outros, os mentireiros e os que perxuran, e para calquera cousa que sexa contraria á doutrina que é sa, 11 segundo o glorioso evanxeo do Deus bendito, que me foi encomendado. 12 Dou grazas a Cristo Xesús, noso Señor, que me fortaleceu, porque me tivo por fiel, poñéndome no ministerio; 13 sendo que antes eu fora blasfemo, perseguidor e insolente. Pero acadei misericordia, porque o fixen por ignorancia na miña incredulidade. 14 Mais a graza do noso Señor sobreabundou coa fe e o amor que hai en Cristo Xesús. 15 Fiel e digna de ser aceptada por todos é a palabra: Cristo Xesús veu ao mundo para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiro. 16 Con todo, foi por iso que acadei misericordia, para que en min, como o primeiro, Xesús Cristo amosara toda a súa paciencia coma un exemplo para os que habían crer nel para vida eterna. 17 Polo tanto, ao Rei eterno, inmortal, invisible, único Deus, a El sexa o honor e a gloria por sempre. Amén. 18 Isto é o que che mando, fillo Timoteo, conforme ás profecías que se fixeron de antemán sobre ti, para que por elas, loites na boa batalla, 19 mantendo a fe e a boa conciencia, que rexeitando algúns, naufragaron no tocante á fe. 20 Entre eles, Himeneo e Alexandre, os que entreguei a Satanás, para que aprendan a non blasfemar.