1
Pedro, apóstolo de Xesús Cristo, aos exiliados na dispersión do Ponto, a Galacia, a Capadocia, a Asia e a Bitinia,
2
escollidos segundo o coñecemento de Deus o Pai, pola obra santificadora do Espírito, para obedecer a Xesús Cristo e ser asperxidos co seu sangue: que a graza e a paz vos sexan en abundancia.
3
Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos fixo nacer de novo, pola súa grande miseriordia, a unha esperanza viva, por medio da resurección de entre os mortos,
4
para obter unha herdanza incorruptible, que non murcha, reservada nos ceos para vós,
5
que estades protexidos polo poder de Deus mediante a fe para a salvación que está preparada coa fin de ser revelada no tempo final.
6
Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se é necesario, esteades aflixidos por un pouco de tempo con diferentes probas,
7
para que a proba da vosa fe, moito máis valiosa que o ouro (que mesmo sendo perecedeiro é probado con lume), resulte en loanza, gloria e honra na revelación de Cristo.
8
A quen amades sen o terdes visto, mais credes nel sen o ver, e reloucades con alegría indicible e gloriosa,
9
obtendo como resultado da vosa fe a salvación das almas.
10
Os profetas que falaron sobre esta salvación, da graza que viría a vós, investigaron e pesquisaron dilixentemente,
11
tentando saber que persoa ou que tempo indicaba o Espírito de Cristo dentro deles, ao predicir os sufrimentos de Cristo e as glorias que seguirían.
12
Revelóuselles que non se servían a si mesmos, senón a vós, nestas cousas que agora vos proclamaron por medio dos que anunciaron o evanxeo polo Espírito Santo enviado do ceo, cousas que os anxos desexan achegarse a ver.
13
Así que, cinguide o voso entendemento para a acción; sede sobrios de espírito, poñede completamente a vosa esperanza na graza que vos traerá a revelación de Xesús Cristo.
14
Coma fillos obedientes, non vos conformedes aos desexos que tiñades antes na vosa ignorancia,
15
senón que como Aquel que vos chamou é santo, tamén vós sede santos en toda a vosa maneira de vivir;
16
porque está escrito:
"Sede santos, porque Eu son santo".
17
E se chamades Pai a aquel que xulga imparcialmente as obras de cada un, comportádevos con temor o tempo do voso peregrinar;
18
sabendo que non fostes rescatados do xeito baleiro de vivir que recibistes dos vosos pais, con cousas perecedoiras como o ouro e a prata,
19
senón co sangue precioso, coma de un año sen defecto nin tacha: o sangue de Cristo.
20
El xa estaba elixido dende antes da creación do mundo, mais agora manifestouse por amor a vós;
21
que por medio del sodes fieis a Deus, que o resucitou dos mortos e lle deu gloria, de modo que a vosa fe e esperanza estean en Deus.
22
Xa que purificastes as vosas almas en obediencia á verdade para un amor sincero de irmáns, amádevos uns a outros dun xeito entrañable, dende o corazón.
23
Pois nacestes de novo, non de semente perecedoira, senón dunha que é incorruptible, é dicir, mediante a palabra de Deus que vive e permanece.
24
Porque: "toda carne é coma a herba, e toda a súa gloria coma a flor da herba. Seca a herba e cae a flor,
25
mais a palabra do Señor permanece para sempre". E esta é a palabra que vos foi anunciada.