Capítulo 6

1 No ano catrocentos oitenta despois de que os fillos de Israel saíron de Exipto, no cuarto ano do reinado de Salomón sobre Israel, no mes de Ziv, é dicir, o mes segundo, comezou el a edificar a casa de Iahveh 2 A casa que o rei Salomón edificou a Iahveh era de sesenta cóbados de lonxitude, vinte de anchura e trinta cóbados de altura. 3 E o pórtico diante do santuario da casa tiña vinte cóbados de lonxitude no sentido da anchura da casa, e a anchura diante da casa era de dez cóbados. 4 E fixo á casa fiestras anchas por dentro e estreitas por fóra. 5 E edificou xunto o muro da casa, compartimentos arredor, contra os muros da casa arredor do templo e do lugar santísimo; e fixo cámaras laterais arredor. 6 O apousento inferior tiña cinco cóbados de anchura, o do medio seis cóbados de anchura e o terceiro sete cóbados de anchura; porque fixera canzorros ao redor da casa por fóra, para que as vigas non encaixaran nos muros do templo. 7 E cando se edificou a casa, fixérona de pedras que xa foran labradas na canteira, de xeito que cando a construían, non se escoitou na casa nin martelos, nin machado, nin calquera outra ferramenta. 8 A entrada do apousento medio estaba no lado dereito da casa, e subía por unha escada de caracol ao apousento medio, e do apousento medio ao superior. 9 Construíu, pois, a casa e rematoua, e cubriuna con vigas e táboas de cedro. 10 E edificou tamén o apousento arredor de toda a casa, de cinco cóbados de altura, que estaba apoiado na casa con madeiras de cedro. 11 E veu a palabra de Iahveh a Salomón, dicindo: 12 En canto a esta casa que estás a edificar, se andas nos meus estatutos e practicas os meus decretos, e gardas todos os meus mandamentos camiñando neles, eu tamén cumprirei contigo a miña palabra que dixen ao teu pai David; 13 e habitarei no medio dos fillos de Israel, e non abandonarei o meu pobo Israel. 14 Así Salomón edificou a casa e rematouna. 15 E cubriu os muros da casa con tablóns de cedro, cubríndoa de madeira por dentro, dende o chan da casa ata as vigas do teito; e cubriu tamén o piso con madeira de ciprés. 16 Tamén fixo na parte traseira da casa un edificio de vinte cóbados, de tablóns de cedro dende o chan ata o teito. Así fixo na casa un santuario interior: o lugar santísimo. 17 A casa, é dicir, a nave de diante tiña corenta cóbados. 18 E a casa estaba revestida de cedro tallado en forma de cabazas e de flores abertas; todo era de cedro, non se vía pedra algunha. 19 E adornou o Santuario interior no fondo da Casa para poñer alí a arca do pacto de Iahveh. 20 O lugar santísimo estaba na parte interna e tiña vinte cóbados de lonxitude, vinte de anchura e vinte de altura, e cubriuno de ouro puro; e o altar recubriuno de cedro. 21 Despois Salomón cubriu de ouro puro o interior da casa, e pechou a entrada do santuario con cadeas de ouro, e recubriuno de ouro. 22 Revestiu de ouro toda a Casa, de arriba abaixo, e cubriu de ouro todo o altar que estaba diante do Santuario interior. 23 Fixo tamén no lugar santísimo dous querubíns de madeira de oliveira, cada un de dez cóbados de altura. 24 Unha á do querubín tiña cinco cóbados, e a outra á do querubín tiña outros cinco cóbados, de xeito que había dez cóbados dende a punta dunha á ata a punta da outra. 25 Tamén o segundo querubín tiña dez cóbados; porque os dous querubíns eran dun mesmo tamaño e dunha mesma feitura. 26 A altura dun era de dez cóbados, e do outro tamén. 27 No interior da casa, no lugar santísimo, puxo os querubíns, que estendían as súas ás de modo que a á dun tocaba unha parede, e a á do outro tocaba a outra parede; as outras dúas ás tocaban unha á outra no medio da casa. 28 Máis tarde cubriu de ouro os querubíns. 29 E esculpiu todos os muros da casa arredor, por dentro e por fóra, con figuras de querubíns, palmeiras e flores abertas. 30 E revestiu de ouro o piso da casa por dentro e por fóra. 31 E para a entrada do santuario fixo portas de madeira de oliveira; e as xambas das portas eran pentagonais. 32 As dúas portas eran de madeira de oliveira, e esculpiu nelas figuras de querubíns, palmeiras e flores abertas que recubiru de ouro; revestiu tamén de ouro os querubíns e as palmeiras. 33 Tamén fixo para a porta do templo postes cadrados de madeira de oliveira. 34 As dúas portas eran de madeira de ciprés; as dúas follas dunha porta eran xiratorias, e as outras dúas follas da outra porta tamén. 35 E esculpiu nelas querubíns, palmeiras e flores abertas, e cubriunas con ouro refinado nas entalladuras. 36 E edificou o patio interior de tres ringleiras de pedras labradas e unha ringleira de vigas de cedro. 37 No cuarto ano, no mes de Ziv, foi posto o fundamento da casa de Iahveh. 38 E no ano undécimo, no mes de Bul, é dicir, o oitavo mes, a casa foi rematada con todos os seus detalles e de acordo o seu deseño. De tal xeito que lle levou sete anos edificala.