1
Velaí un home de Deus que chegou, pola palabra de Iahveh de Xudá a Betel, mentres Ieroboam estaba xunto ao altar para queimar incenso,
2
e, por mandato de Iahveh clamou contra el dicindo: -Altar, altar! Así di Iahveh: "Velaquí, nacerá un fillo á casa de David chamado Iosías, que sacrificará sobre ti aos sacerdotes dos lugares altos que queiman sobre ti incenso, e sobre ti queimarán ósos de homes".
3
Ese mesmo día deu un sinal, dicindo: -Este é o sinal que Iahveh falou: velaí que o altar se quebrará e a cinza que está sobre el derramarase.
4
E aconteceu que cando o rei Ieroboam escoitou a palabra do home de Deus que clamara contra o altar de Betel, estendeu a súa man dende o altar, e dixo: -Prendédeo! Pero no momento a man que estendeu contra el secouse e non puido endereitala.
5
Entón o altar partiuse e derramouse a cinza do altar, conforme o sinal que o home de Deus dera pola palabra de Iahveh.
6
Entón o rei respondeu, e dixo ao home de Deus: -Rógoche que aplaques o rostro de Iahveh o teu Deus, e ores por min, para que a miña man me sexa restaurada. E o home de Deus orou a Iahveh, e a man do rei foi restaurada e volveu a ser como antes.
7
Entón o rei dixo ao home de Deus: -Ven comigo a casa para comer, e eu dareiche un regalo.
8
Pero o home de Deus dixo ao rei: -Aínda que me deas a metade da túa casa, non irei contigo nin comerei pan nin beberei auga neste lugar;
9
Porque se me ordenou pola palabra de Iahveh, dicindo: "Non comerás pan nin beberás auga, nin volverás polo camiño por onde viñeches."
10
Marchou pois por outro camiño, e non volveu polo camiño polo que viñera a Betel.
11
Pero había un profeta ancián que vivía en Betel, e os seus fillos viñeron a el e contáronlle todo o que o home de Deus fixera ese día en Betel; e contáronlle tamén a seu pai as palabras que dixera ao rei.
12
E o seu pai díxolles: -Por que camiño foi? E os seus fillos amosáronlle o camiño polo que volvera o home de Deus que viñera de Xudá.
13
E el dixo aos seus fillos: -Aparelládeme o asno. E eles aparelláronlle o asno e el montou nel,
14
e foi tras do home de Deus, e atopouno sentado debaixo dunha aciñeira, e díxolle: -Es ti o home de Deus que veu de Xudá? E el dixo: -Son eu.
15
Entón díxolle: -Ven comigo á casa para comer pan.
16
Pero el dixo: -Non podo volver contigo, nin ir contigo, nin comerei pan nin beberei auga contigo neste lugar.
17
Porque por revelación de Deus foime ordenado: "Non comerás pan nin beberás alí auga, nin volverás polo camiño por onde viñeches".
18
Entón el díxolle: -Eu tamén son profeta coma ti, e un anxo faloume pola palabra de Iahveh, dicindo: Faino volver contigo á túa casa para que coma pan e beba auga.
19
Entón volveu con el, e comeu pan na súa casa e bebeu auga.
20
E aconteceu que estando eles sentados á mesa, a palabra de Iahveh chegou ao profeta que o fixera volver;
21
E clamou ao home de Deus que viñera de Xudá, dicindo: -Isto di Iahveh: porque fuches desobediente ao mandamento de Iahveh e non gardaches o mandamento que Iahveh o teu Deus che mandou,
22
senón que volviches atrás, e comiches pan e bebiches auga no lugar onde Iahveh che dixo: non comas pan nin bebas auga; o teu corpo non irá ao sepulcro dos teus pais.
23
E cando rematou de comer e beber, o profeta que o trouxera de volta aparelloulle o seu asno.
24
Mais indo de camiño, atopouno un león e matouno; e o seu corpo quedou tendido no camiño, e o asno xunto a el, e o león xunto ao cadáver.
25
E velaí que uns homes que pasaban viron o corpo tendido no camiño, e o león que estaba xunto ao corpo; e foron e contárono na cidade onde vivía o profeta ancián.
26
E cando o profeta que o fixera volver do camiño o escoitou, dixo: -É o home de Deus que foi desobediente ao mandamento de Iahveh; por iso Iahveh entregouno ao león, que o esnaquizou e o matou, conforme a palabra que Iahveh lle dixera.
27
Enton falou aos seus fillos dicindo: -Aparelládeme o asno. E eles fixérono.
28
E el foi e atopou o cadáver tendido no camiño, e o asno e o león que estaban xunto o corpo; o león non comera o corpo nin ferira o asno.
29
O profeta colleu o cadáver do home de Deus, púxoo sobre o asno e levouno. E o profeta ancián foi á cidade para facer dó por el e sepultalo.
30
E puxo o cadáver no seu propio sepulcro, e eles lamentáronse por el, dicindo: -Ai, meu irmán!
31
E aconteceu que despois de sepultalo, falou aos seus fillos, dicindo: -Cando eu morra, sepultádeme no sepulcro no que foi sepultado o home de Deus; poñede os meus ósos xunto aos seus.
32
porque de certo cumprirase a palabra que proclamou por revelación de Iahveh contra o altar que está en Betel, e contra todos os santuarios dos lugares altos que hai nas cidades de Samaria.
33
Con todo isto, Ieroboam non se afastou do seu mal camiño, senón que volveu escoller sacerdotes para os lugares altos de entre o pobo; e a quen el quería, consagrábao para que fose sacerdote dos lugares altos.
34
E esto chegou a ser o pecado da casa de Ieroboam, polo que foi cortada e varrida da face da terra.