Capítulo 1

1 O rei David era vello, entrado en días, e cubríano con roupas, pero non se quentaba. 2 Entón os seus servos dixéronlle: -Buscade para o meu señor o rei unha moza virxe, para que estea diante do rei e o cubra, e durma no seu costado, para que o meu señor o rei se quente. 3 E buscaron unha moza fermosa en toda a terra de Israel, e atoparon a Abisag sunamita e trouxérona ao rei. 4 A rapaza era fermosa, e coidou ao rei e servíao, pero o rei non se deitou con ela. 5 Entón Adonías, fillo de Haguit, enalteceuse e dixo: -Eu reinarei. E preparou carros e xinetes, e cincuenta homes para correr diante del. 6 O seu pai nunca o molestara dicíndolle: por que fas así? Ademais, el era de moi fermoso parecer, e nacera despois de Absalom. 7 E tratara con Ioab, fillo de Sarvia, e co sacerdote Abiatar, e estes apoiaron a Adonías. 8 Pero o sacerdote Sadoc, e Benaías, fillo de Iehoiadá, e o profeta Natán, e Simei, e Rei e tódolos valentes de David, non estaban con Adonías. 9 E Adonías sacrificou ovellas, vacas e animais cebados xunto á rocha de Zohelet, que está preto de En-rogel, e convidou a todos os seus irmáns, os fillos do rei, e a tódolos homes de Xudá, servos do rei; 10 pero non convidou o profeta Natán, nin a Benaías, nin aos valentes, nin a seu irmán Salomón. 11 Entón Natán falou a Batseba, nai de Salomón, dicindo: -Non escoitaches que Adonías, fillo de Haguit, reina, e o noso señor David non o sabe? 12 Agora pois, ven e dareiche un consello para que preserves a túa vida e a do teu fillo Salomón. 13 Vai onda o rei David e dille: -Non xuraches, meu señor o rei, á túa serva, dicindo: certamente o teu fillo Salomón reinará despois de min, e el sentará no meu trono? Por que, pois, reina Adonías? 14 E acontecerá que mentres ti aínda esteas a falar co rei, eu entrarei detrás de ti e reafirmarei as túas palabras. 15 Entón Batseba entrou no cuarto do rei. E o rei era moi vello, e Abisag a sunamita coidábao. 16 Entón Batseba prostrouse diante do rei. E o rei dixo: -Que queres? 17 Entón ela respondeulle: -Meu señor, ti xuraches á túa serva por Iahveh o teu Deus, dicindo: o teu fillo Salomón reinará despois de min, e el sentará no meu trono. 18 E agora, velaí que Adonías reina, e ti, meu señor o rei, non o sabes. 19 El sacrificou bois e animais cebados e ovellas en gran abundancia, e convidou a todos os fillos do rei, a Abiatar o sacerdote e a Ioab, xefe do exército; pero ao teu servo Salomón non o convidou. 20 Agora ben, meu señor o rei, os ollos de todo Israel están postos en ti para que lles informes quen ha sentar no trono do meu señor o rei despois del. 21 Doutro xeito, acontecerá que cando o meu señor o rei durma cos seus pais, eu e o meu fillo Salomón seremos considerados culpables. 22 E aínda estaba ela falando co rei, cando chegou o profeta Natán. 23 E avisaron ao rei, dicindo: -Velaí o profeta Natán. O que entrando onda o rei, prostrouse diante do rei, inclinándose ata o chan. 24 E dixo Natán: -Meu señor o rei, dixeches ti: Adonías reinará despois de min, e el sentará no meu trono? 25 Porque baixou hoxe e matou bois, animais cebados e moitísimas ovellas, e convidou a tódolos fillos do rei, e aos oficiais do exército, e ao sacerdote Abiatar; e velaquí, están a comer e a beber diante del, e dixeron: que viva o rei Adonías! 26 Pero non me convidaron a min, o teu servo, nin ao sacerdote Sadoc, nin a Benaías, fillo de Iehoiadá, nin ao teu servo Salomón. 27 Ordenou o meu señor o rei isto sen que informes aos teus servos quen sentará no trono do meu señor o rei despois del? 28 Entón respondeu o rei David, e dixo: -Chamádeme a Batseba! E ella entrou onda o rei, e púxose diante do rei. 29 E o rei xurou, e dixo: -Como vive Iahveh, que rescatou a miña alma de toda anguria, 30 que así como che xurei por Iahveh, Deus de Israel, dicindo: "O teu fillo Salomón reinará despois de min, e el sentará no meu trono en meu lugar, así fareino hoxe." 31 Entón Batseba prostrouse diante do rei co seu rostro en terra, e prostrouse diante do rei, e dixo: -Viva o meu señor o rei David para sempre! 32 E o rei David dixo: -Chamádeme ao sacerdote Sadoc, ao profeta Natán e a Benaías, fillo de Iehoiadá. E eles entraron diante do rei. 33 E o rei díxolles: -Levade con vós os servos do voso señor, e montade ao meu fillo Salomón na miña mula, e baixádeo a Guihón; 34 E alí o sacerdote Sadoc e o profeta Natán unxirano por rei sobre Israel; e tocade o shofar, e berrade: viva o rei Salomón! 35 E seguirédelo, e el virá e sentará no meu trono, e el reinará por min, porque eu escollino para que sexa príncipe sobre Israel e sobre Xudá. 36 E Benaías, fillo de Iohiadá, respondeu ao rei e dixo: -Amén; así diga Iahveh, Deus do meu señor o rei. 37 Como Iahveh estivo co meu señor o rei, así sexa con Salomón, e faga maior o seu trono que o trono do meu señor o rei David. 38 E Sadoc o sacerdote, e Natán o profeta, e Benaías, fillo de Iohiadá, e os cereteos e os peleteos baixaron e montaron a Salomón na mula do rei David, e levárono a Guihón. 39 E o sacerdote Sadoc colleu o corno de aceite do tabernáculo, e unxiu a Salomón; e tocaron o shofar, e todo o pobo dixo: -Viva o rei Salomón! 40 E todo o pobo subiu detrás del, e o pobo cantaba con frautas e facía tan grande festa que era coma se a terra afundira cos seus berros. 41 E Adonías e todos os convidados que estaban con el escoitaron iso cando remataron de comer. Ao ouvir Ioab o son do shofar, dixo: -Por que está a cidade con tanta ledicia e algueirada? 42 Mentres el aínda estaba a falar, velaí que chegou Ionatán, fillo do sacerdote Abiatar, e Adonías díxolle: -Entra, porque ti es un home valente, e traes boas novas. 43 E Ionatán respondeu e dixo a Adonías: -En verdade o noso señor o rei David fixo rei a Salomón. 44 E o rei mandou con el o sacerdote Sadoc, o profeta Natán, e a Benaías, fillo de Iohiadá, tamén os cereteos e os peleteos, e eles montárono na mula do rei; 45 e o sacerdote Sadoc e o profeta Natán unxírono por rei en Guihón, e subiron de alí con ledicia, e a cidade está chea de ledicia. Esta é a algueirada que escoitastes. 46 Ademais, Salomón sentouse no trono do reino. 47 E tamén os servos do rei viñeron bendicir ao noso señor o rei David, dicindo: que Deus faga bo o nome de Salomón máis que o teu nome, e faga maior o seu trono que o teu. E o rei adorou na súa cama. 48 E tamén dixo así o rei: -Bendito sexa Iahveh, Deus de Israel, que me deu hoxe alguén para sentar no meu trono, e vírono os meus ollos. 49 Entón todos os convidados que estaban con Adonías tremeron, e erguéronse e fóronse cada un polo seu camiño. 50 Pero Adonías, tendo medo de Salomón, ergueuse e foise agarrar aos cornos do altar. 51 E informáronlle a Salomón, dicindo: -Velaquí, Adonías ten medo do rei Salomón e agarrouse dos cornos do altar, dicindo: xúrame hoxe rei Salomón que non matará o seu servo a espada. 52 E Salomón dixo: -Se é un home nobre, nin un só dos seus cabelos caerá a terra; pero se se atopa maldade nel, morrerá. 53 O rei Salomón mandou que o fixeran baixar do altar; e el veu e prostrouse diante do rei Salomón. Entón Salomón díxolle: -Vaite para a túa casa.