1 Cando cheguei onda vós, irmáns, proclamándovos o testemuño de Deus, non fun con superioridade de palabra ou de sabedoría, 2 pois non me propuxen saber nada entre vós, agás a Xesús Cristo, e a este crucificado. 3 Presenteime diante de vós con fraqueza, e tremendo con moito temor. 4 Nin a miña mensaxe nin a miña predicación foron con palabras persuasoras de sabedoría, senón con demostración do Espírito e de poder, 5 para que a vosa fe non estea na sabedoría das persoas, senón no poder de Deus. 6 Con todo, falamos sabedoría entre os que acadaron madureza; pero non unha sabedoría deste século, nin dos gobernantes deste tempo, que van desaparecendo, 7 senón que falamos sabedoría de Deus en misterio, a sabedoría oculta, que dende antes dos tempos, Deus predestinou para nosa gloria; 8 sabedoría que ningún dos gobernantes deste tempo entendeu, porque se a entenderan non terían crucificado o Señor da gloria; 9 senón como está escrito: "Cousas que ollo non viu, nin oído oíu, nin entraron ao corazón das persoas, son as cousas que Deus preparou para os que o aman". 10 Mais Deus déunolas a coñecer por medio do Espírito, porque o Espírito escudríñao todo, mesmo as profundidades de Deus. 11 Porque quen de entre a xente coñece os pensamentos dunha persoa senón o espírito da persoa que está nela? Do mesmo xeito , ninguén coñece os pensamentos de Deus, senón o Espírito de Deus. 12 E nós recibimos, non o espírito do mundo, senón o Espírito que vén de Deus, para que saibamos o que Deus nos deu de balde, 13 do que tamén falamos, non con palabras ensinadas por sabedoría humana, senón coas ensinadas polo Espírito, acomodando as cousas espirituais ás persoas espirituais. 14 Pero a persoa natural non acepta as cousas do Espírito de Deus, porque para ela son tolería; e non pode comprendelas, porque hai que diferencialas espiritualmente. 15 Pola contra, o que é espiritual xulga tódalas cousas; pero el non é xulgado por ninguén. 16 Porque, quen coñeceu a mente do Señor? Quen o ha instruír? Mais nós temos a mente de Cristo.