Capítulo 1

1 Paulo, chamado a ser apóstolo de Xesús Cristo pola vontade de Deus, e Sóstenes, noso irmán, 2 á igrexa de Deus que está en Corinto, aos que foron santificados en Cristo Xesús, chamados a ser santos, con todos os que en calquer lugar invocan o nome do noso Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso: 3 graza a vós e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo. 4 Dou sempre grazas ao meu Deus por vós, pola graza de Deus que vos foi dada en Cristo Xesús, 5 porque fostes enriquecidos nel en todo, en toda palabra e en todo coñecemento, 6 así como o testemuño do Mesías foi confirmado en vós; 7 de xeito que nada vos falta en ningún don, agardando a manifestación do noso Señor Xesús, o Mesías; 8 quen tamén vos sosterá ata o fin, para que sexades irreprensibles no día do noso Señor Xesús. 9 Fiel é Deus, por medio de quen fostes chamados a ser partícipes co seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor. 10 Rógovos, irmáns, polo nome do noso Señor Xesús Cristo, que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós, senón que esteades enteiramente unidos nunha mesma mente e un mesmo parecer. 11 Porque os de Cloé, puxéronme en coñecemento da vosa situación, meus irmáns, que entre vós hai contendas. 12 Refírome a que cada un de vós di: eu son de Paulo, eu de Apolos, eu de Cefas, eu de Cristo. 13 Está divido o Mesías? Será que Paulo foi crucificado por vós? Ou fostes bautizados no nome de Paulo? 14 Dou grazas a Deus que non bauticei a ningún de vós, agás a Crispo e a Gaio, 15 para que ninguén diga que fostes bautizados no meu nome. 16 Tamén bauticei á familia de Estéfanas, polo demais, non sei se bauticei a algún outro. 17 Pois non me mandou Cristo a bautizar senón a levar as boas novas, non con sabedoría de palabras, para que non quede anulada a eficacia da cruz do Mesías. 18 Certamente a palabra da cruz é loucura para os que se perden, pero para nós os salvos é poder de Deus. 19 Porque está escrito: "Destruirei a sabedoría dos sabios, e rexeitarei o entendemento dos intelixentes". 20 U-lo sabio? U-lo escriba? U-lo sofista deste século? Non enlouqueceu Deus a sabedoría do mundo? 21 Por canto na sabedoría de Deus o mundo deixou de coñecer a Deus mediante a sabedoría, Deus tivo a ben salvar coa loucura da predicación os que confían nel. 22 Porque os xudeus piden sinais e os gregos buscan sabedoría; 23 mais nós predicamos a Cristo crucificado, pedra de tropezo para os xudeus e loucura para os xentís; 24 mais para os chamados, tanto xudeus coma gregos, Cristo é poder de Deus e sabedoría de Deus. 25 Porque o necio de Deus é máis sabio que a xente mesma, e a fraqueza de Deus é máis forte que as persoas. 26 Porque, mirade irmáns o voso chamamento, que non sodes moitos sabios segundo a carne, nin moitos poderosos, nin moitos da nobreza; 27 senón que Deus escolleu o necio do mundo,para avergoñar aos sabios; e Deus escolleu o feble do mundo, para avergoñar ao que é forte; 28 e o sen importancia segundo o mundo, e o desprezable, o que non conta para nada, escolleu Deus; o que non é, para anular o que pensa ser algo; 29 para que ninguén se vangloríe diante de Deus. 30 Mais del provén o que sodes en Xesús Cristo, quen se fixo para nós sabedoría de Deus, e xustificación, e santificación, e redención, 31 para que, como está escrito: "O que se gloría, que se gloríe no Señor".