1
E David reuniu en Xerusalém a tódolos oficiais de Israel: os príncipes das tribos, os xefes das divisións que servían ao rei, os xefes de mil e os xefes de cen, e os administradores de todo o patrimonio e a facenda do rei, e dos seus fillos; xunto cos oficiais e tódolos homes valentes.
2
Entón o rei David púxose en pé, e dixo: -Escoitádeme, meus irmáns e meu pobo. Eu tiña en mente edificar unha casa para a arca do pacto de Iahveh e para o estrado do noso Deus, e fixera os preparativos para edificala.
3
Pero Deus díxome: "Non edificarás unha casa ao meu nome, porque es home de guerras e verteches moito sangue."
4
Pero Iahveh, Deus de Israel, escolleume de toda a casa do meu pai para ser rei de Israel para sempre; escolleume da casa de Xudá por príncipe, e da casa de Xudá, á familia do meu pai; e de entre os fillos de meu pai, agradouse de min para facerme rei sobre todo Israel.
5
E de todos os meus fillos (pois Iahveh deume moitos fillos) escolleu El ao meu fillo Salomón para que sentara no trono do reino de Iahveh sobre Israel.
6
E díxome: -O teu fillo Salomón é o que edificará a miña casa e os meus atrios; porque escollino por fillo meu, e Eu serei o seu pai.
7
E establecerei o seu reino para sempre, se se mantén firme en cumprir os meus mandamentos e decretos, como neste día.
8
Agora pois, a vista de todo Israel, congregación de Iahveh, e aos ouvidos do noso Deus, gardade e observade todos os mandamentos de Iahveh o voso Deus, para que posuades a boa terra e a deixedes en herdanza aos vosos fillos despois de vós para sempre.
9
E ti, meu fillo Salomón, recoñece o Deus do teu pai e sírveo con corazón completo e con ánimo disposto; porque Iahveh escudriña tódolos corazóns e entende tódalas intencións dos pensamentos. Se o buscas, deixará que o atopes, pero se o deixas, El rexeitarate para sempre.
10
Agora ten en conta que Iahveh te escolleu para edificar unha casa para o santuario; esfórzate e mans á obra!
11
Entón David deulle ao seu fillo Salomón o plan do pórtico do templo e dos seus edificios, dos almacéns, dos apousentos altos e das salas interiores e do lugar do propiciatorio;
12
xunto con todo o deseño que tiña en mente para os atrios da casa de Iahveh e para tódalas salas arredor, e para os tesouros da casa de Deus e para os tesouros das cousas consagradas;
13
tamén para as seccións dos sacerdotes e dos levitas, e para todo o traballo do servizo da casa de Iahveh, e para todos os utensilios do servizo da casa de Iahveh;
14
para os utensilios de ouro, o peso de ouro para todos os utensilios para cada servizo; e para os utensilios de prata, o peso de prata para todos os utensilios para cada servizo;
15
e o peso de ouro para os candelabros de ouro e as súas lámpadas de ouro, co peso de cada candelabro e as súas lámpadas; e o peso de prata para os candelabros de prata, segundo o peso de cada candelabro e as súas lámpadas, e segundo o uso de cada candelabro;
16
Tamén o peso de ouro necesario para cada unha das mesas da proposición, e prata para as mesas de prata;
17
os garfos, as cuncas e os xarros de ouro puro; e para as copas de ouro co peso de ouro correspondente a cada copa; e para as copas de prata co peso de de prata correspondente a cada copa;
18
e de ouro acrisolado por peso para o altar do incenso; e de ouro para o modelo do carro dos querubíns que estendían as súas ás e cubrían a arca do pacto de Iahveh.
19
-Todo isto -dixo David- foime trazado pola man de Iahveh, facéndome entender todos os detalles do deseño.
20
E David dixo ao seu fillo Salomón: -Sé forte e sé valente e fai a obra. Non temas nin te angusties; porque Iahveh Deus, o meu Deus, está contigo. El non te abandoará nin te desamparará ata que remates todo o traballo para o servizo da casa de Iahveh.
21
E velaí, tes as divisións dos sacerdotes e dos levitas para todo o ministerio da casa de Deus, e todo voluntario hábil e dotado de sabedoría estará contigo en todo traballo e para toda clase de servizos; tamén os príncipes e todo o pobo estarán á túa disposición.