1
Entón Satanás levantouse contra Israel e instigou a David a que fixera un censo de Israel.
2
E David dixo a Ioab e aos príncipes do pobo: -Ide, contade a Israel dende Beerseba ata Dan, e traédeme o resultado para que saiba o seu número.
3
Pero Ioab dixo: -Que Iahveh engada o seu pobo cen veces máis do que é. Pero, meu señor o rei, non son todos eles servos do meu señor? Por que procura isto o meu señor que rematará sendo para pecado a Israel?
4
Pero a palabra do rei prevaleceu sobre a de Ioab. E saíu Ioab e percorreu todo Israel; e logo volveu a Xerusalém.
5
E Ioab deu a David o número total do censo de todo o pobo; en todo Israel había un millón cen mil homes que sacaban espada, e en Xudá catrocentos setenta mil homes que sacaban espada.
6
Pero de Leví e de Benxamín non fixo un censo entre eles, porque a palabra do rei era abominable para Ioab.
7
Tamén esto desagradou a Deus, e El feriu a Israel.
8
Entón David dixo a Deus: -Pequei grandemente en facer isto; pero agora rógoche que tires a iniquidade do teu servo, porque actuei coma un necio.
9
E Iahveh falou a Gad, vidente de David, dicindo:
10
-Vai e fala a David, e dille: -Así di Iahveh: Propóñoche tres cousas; escolle unha delas para que che faga.
11
Entón Gad foi onda David e díxolle: -Isto di Iahveh: escolle para ti:
12
ou tres anos de fame; ou tres meses de derrotas diante dos teus inimigos e ser ferido pola espada dos teus inimigos; ou tres días da espada de Iahveh, é dicir, unha peste na terra, e o anxo de Iahveh facendo estragos en todo o territorio de Israel. Agora pois, considera que respostarei ao que me mandou.
13
E David respondeu a Gad: -Estou moi anguriado, mais prefiro caer nas mans de Iahveh, porque as súas misericordias son moitas, e non caer nas mans dos homes!
14
Entón Iahveh mandou unha peste sobre Israel, e caeron de Israel setenta mil homes.
15
E Deus mandou un anxo a Xerusalém para destruíla; e cando estaba a piques de destruíla, Iahveh mirou e sentiu pena pola calamidade, e díxolle ao anxo destrutor: -Basta, retén agora a túa man! E o anxo de Iahveh estaba xunto á eira de Ornán o iebuseo.
16
E David levantou os ollos e viu o anxo de Iahveh que estaba entre a terra e os ceos cunha espada desenvaiñada na súa man estendida sobre Xerusalém. Entón David e os anciáns, vestidos de cilicio, caeron sobre as súas facianas.
17
E dixo David a Deus: -Non fun eu o que mandou contar o pobo? Certamente, son eu o que pequei e actuei perversamente, pero estas ovellas que fixeron? Ai Iahveh o meu Deus, que a túa man sexa contra min e contra a casa do meu pai, pero non contra o teu pobo, para que non haxa unha praga sobre eles!
18
E o anxo de Iahveh ordenou a Gad que lle dixera a David que subira e edificara un altar a Iahveh na eira de Ornan o iebuseo.
19
E David subiu conforme a palabra que Gad falara no nome de Iahveh.
20
E Ornán virouse e viu o anxo; e os seus catro fillos que estaban con el agocháronse. E Ornán estaba a trillar o trigo.
21
Cando David chegou onda Ornan, este mirou e ao ver a David, saíu da eira e prostrouse diante de David rostro en terra.
22
Entón David dixo a Ornán: -Dáme o lugar desta eira para que edifique alí un altar a Iahveh; dáme por un prezo xusto, para que se deteña a praga no pobo.
23
E Ornán dixo a David: - Tómaa para ti, e que o meu señor o rei faga o que é bo aos seus ollos. Velaquí, entrégolle tamén os bois para holocaustos e os troncos para madeira e o gran para a ofrenda de gran; douno todo.
24
Pero o rei David dixo a Ornán: -Non, senón que certamente a comprarei por un prezo xusto; porque non tomarei para Iahveh o que é teu nin ofrecerei un holocausto que non me custou nada.
25
Entón David deu a Ornán o peso de seiscentos siclos de ouro polo lugar.
26
E David edificou alí un altar a Iahveh e ofreceu holocaustos e ofrendas de paz; e invocou a Iahveh, e El respondeulle con lume do ceo sobre o altar do holocausto.
27
Entón Iahveh deu orde ao anxo, e el envaiñou a súa espada.
28
Cando David viu que Iahveh lle respondera na eira de Ornán o iebuseo, ofreceu alí un sacrificio.
29
Porque o tabernáculo de Iahveh que Moisés fixera no deserto e o altar do holocausto estaban naquel tempo no lugar alto de Gabaón.
30
Pero David non se atrevera ir alí diante del para consultar a Deus, porque estaba aterrado pola espada do anxo de Iahveh.