Capítulo 16
1
E trouxeron a arca de Deus e puxérona no medio da tenda que David levantara para ela, e ofreceron holocaustos e ofrendas de paz diante de Deus.
2
Cando David rematou de ofrecer os holocaustos e as ofrendas de paz, bendiciu o pobo no nome de Iahveh.
3
E repartiu a todo Israel, tanto a homes como a mulleres, a cada un, un anaco de pan, unha porción de carne e unha torta de pasas.
4
E nomeou a algúns dos levitas como servidores diante da arca de Iahveh, para celebrar, dar grazas e louvar a Iahveh, Deus de Israel:
5
Asaf o primeiro e, segundo despois del, Zacarías; e despois, Iehiel, Semiramot, Ieiel, Matatías, Eliab, Benaías, Obed-Edom e Ieiel, cos seus instrumentos de salterios e liras; e Asaf tamén tocaba os címbalos resoantes,
6
e os sacerdotes Benaías e Iahzael, tocaban as trompetas continuamente diante da arca do pacto de Deus.
7
Ese día David puxo por primeira vez nas mans de Asaf e dos seus irmáns este salmo para louvar a Iahveh:
8
Louvade a Iahveh, invocade o seu nome!
Dade a coñecer entre os pobos, as súas fazañas.
9
Cantádelle, cantádelle salmos;
Meditade en tódalas súas marabillas.
10
Gloriádevos no seu santo nome!
Que se alegre o corazón dos que buscan a Iahveh!
11
Buscade a Iahveh e a súa fortaleza;
buscade continuamente a súa faciana!
12
Lembrade as súas marabillas que El fixo,
os seus prodixios e os xuízos da súa boca;
13
Vós, fillos de Israel, o seu servo!
Fillos de Xacob, os seus escollidos!
14
Iahveh, El é o noso Deus;
os seus xuízos están sobre toda a terra.
15
Lembrádevos para sempre do seu pacto,
Da palabra que mandou para mil xeracións,
16
do pacto que fixo con Abraham,
e do seu xuramento a Isaac.
17
O que confirmou a Xacob como estatuto,
e a Israel como pacto eterno,
18
dicindo: "A ti dareiche a terra de Canaán
a porción da vosa herdanza."
19
Cando eran poucos en número,
moi poucos e estranxeiros nela,
20
e vagaban de nación en nación,
e dun reino a outro pobo,
21
El non permitiu que ninguén os oprimira,
e por amor a eles reprendeu a reis, dicindo:
22
"Non toquedes os meus unxidos,
nin fagades mal aos meus profetas."
23
Canta a Iahveh, toda a terra;
Proclama un día e outro a súa salvación.
24
Declarade a súa gloria entre as nacións,
e tódalas súas marabillas entre os pobos.
25
Porque grande é Iahveh e digno de louvor;
e temible é por riba de todos os deuses.
26
Porque tódolos deuses dos pobos son ídolos,
pero Iahveh fixo os ceos.
27
Gloria e maxestade están diante del;
Fortaleza e ledicia están na súa morada.
28
Tributade a Iahveh, familias dos pobos!
Dádelle a Iahveh a gloria e o poder!
29
Dádelle a Iahveh a honra que se lle debe ao seu nome!
Traede ofrenda e vinde a súa presenza;
Prostrádevos diante de Iahveh na fermosura da santidade.
30
Treme diante del toda a terra;
o mundo está firme, non pode ser conmovido.
31
alégrense os ceos e regocíxese a terra;
e digan entre as nacións: Iahveh reina!
32
Que ruxa o mar e todo o que hai nel!
Que se alegre o campo e todo o que hai nel!
33
Entón as árbores do bosque cantarán de ledicia diante de Iahveh,
Porque El vén para xulgar a terra.
34
Dádelle grazas a Iahveh porque El é bo!
Porque a súa misericordia é para sempre.
35
E dicide: -Sálvanos, Ó Deus da nosa salvación!
Recóllenos e líbranos das nacións, para que confesemos o teu santo nome,
e nos gloriemos no teu louvor.
36
Bendito sexa Iahveh, Deus de Israel,
dende a eternidade ata a eternidade!
E todo o pobo berrou: -Amén! Louvemos a Iahveh!
37
E deixou alí, diante da arca do pacto de Iaveh, a Asaf e aos seus irmáns para servir continuamente diante da arca, segundo o servizo diario;
38
Xunto con Obed-Edom e os seus parentes, sesenta e oito; e a Obed-Edom, fillo de Iedutón, e a Hosa como porteiros.
39
E deixou a Sadoc o sacerdote e aos seus parentes os sacerdotes diante do tabernáculo de Iahveh no lugar alto que estaba en Gabaón;
40
para ofrecer holocaustos a Iahveh no altar dos holocaustos continuamente, pola mañá e pola tarde, e conforme todo o que está escrito na lei de Iahveh que mandou a Israel.
41
E con eles, Hemán e Iedutón e os demais que foron escollidos por nome, para dar grazas a Iahveh, porque para sempre é a súa misericordia.
42
E con eles, Hemán e Iedutón, con trompetas e címbalos resoantes e outros instrumentos para acompañar os cantos a Deus e designou os fillos de Iedutún para a porta.
43
E marchou todo o pobo, cada un á súa casa, e David volveuse para bendicir a súa casa.