Capítulo 3

1 Por iso, non podendo soportalo máis, decidimos quedar sós en Atenas, 2 e mandarvos a Timoteo, o noso irmán e colaborador de Deus no evanxeo do Mesías, para vos enfortecer e animar na fe a fin de que ninguén se estremeza polos apretos que está a pasar, 3 ben sabedes que para iso fomos chamados. 4 Porque cando estabamos aínda convosco, xa vos avisamos que iamos aturar sufrimentos, e así é como foi, ben o sabedes. 5 Por iso, eu tamén, non podendo soportalo máis, mandei a recoñecer a vosa fe, non fora que dalgún xeito, o tentador vos seducira e o noso traballo fora en van. 6 Pero agora Timoteo, xa chegou de onda vós traendo as boas novas da vosa fe e amor, e de que sempre nos lembrades, desexando vernos (coma tamén nós a vós), 7 iso foi o que nos consolou, irmáns, en canto a vós, en medio de tódalas nosas necesidades e tribulacións pola vosa fe, 8 porque agora vivimos, xa que vós estades firmes no Señor. 9 Pois, que acción de grazas poderemos dar a Deus por vós, por toda a ledicia con que nos alegramos diante do noso Deus por vós, 10 xa que noite e día pedimos con insistencia que poidamos vervos e completemos o que falta á vosa fe! 11 Que o mesmo Deus e Pai noso, e o noso Señor Xesús, dirixa o noso camiño cara vós. 12 Que faga o Señor que medredes e abundendes no amor uns cos outros, e con todos, do mesmo xeito que nós tamén para vós, 13 para que os nosos corazóns sexan afirmados irreprensibles en santidade diante do noso Deus e Pai, cando veña o noso Señor Xesús con tódolos seus santos.