Capítulo 2

1 Irmáns, vós mesmos sabedes que a nosa visita onda vós non foi en balde, 2 senón que tendo sofrido e sendo aldraxados en Filipos, como sabedes, tivemos a confianza no noso Deus como para anunciarvos o evanxeo de Deus no medio de moita oposición. 3 O noso ensino non provén do erro, nen de motivos impuros, nen é con engano, 4 senón que, xa que fomos aprobados por Deus para que o evanxeo se nos confiara, por iso falamos así; non para contentar á xente, senón a Deus, que pescuda os nosos corazóns. 5 Porque sabedes que nunca nos achegamos a vós con palabras afagadoras, nen fomos avaros a conta dos vosos cartos, Deus ben o sabe!; 6 nen procurando a gloria da xente, nen de vós nen doutros, mesmo sen presionarvos coa nosa autoridade como apóstolos do Mesías. 7 Senón que fomos tenros no medio de vós, coma cando unha nai acariña aos seus propios fillos; 8 tendo tanto amor por vós, que queriamos ensinarvos no só o evanxeo de Deus, senón tamén as nosas vidas, porque chegastes a ser moi amados para nós. 9 De seguro habedes lembrar a nosa fatiga e o traballo duro, xa que traballamos noite e día para non sermos unha carga, e así anunciámosvos o evanxeo de Deus. 10 Vós sodes testemuñas xunto con Deus, de que nos comportamos convosco, os crentes, 11 de xeito santo, xusto e sen tacha; ben sabedes como vos tratamos a cada un de vós; coma un pai aos seus propios fillos aconsellándovos, consolávosmos e pedíndovos 12 que andiverades como é digno de Deus, quen vos chama ao seu propio reino e gloria. 13 Por iso tamén damos grazas decote a Deus, porque tendo recibido de nós a palabra da mensaxe de Deus, acolléstela non como palabra de seres humanos, senón como o que verdadeiramente é, palabra de Deus, que actúa tamén en vós os que credes. 14 Porque vós, irmáns, viñestes ser imitadores das igrexas de Deus en Cristo Xesús, que están na Xudea; pois tamén sufristes as mesmas cousas a mans dos vosos propios paisanos, coma tamén eles dos xudeus; 15 quen non só mataron ao Señor Xesús e aos profetas, senón que tamén nos expulsaron a nosoutros, e están a opoñerse a todos, 16 prohibíndonos falar aos xentís a fin de que non sexan salvos, de xeito que sempre enchen a medida dos seus pecados, vindo a ira de Deus ata o remate. 17 E nós, irmáns, que fomos separados de vós por un pouco de tempo, pero só fisicamente non de corazón, esforzámonos coa maior presteza, de tanta morriña por vos ver. 18 Por iso, quixemos ir onda vós, eu, Paulo, máis dunha vez, pero Satanás estorbounos. 19 Pois, cal é a nosa esperanza, ou ledicia, ou coroa en que nos gloriar? Non o sodes vós mesmos diante do noso Señor Xesús ao tempo da súa vinda? 20 Vós sodes, de certo, a nosa gloria e a nosa ledicia.