Capítulo 3

1 Así mesmo, vós, mulleres, sometédevos aos vosos maridos, de maneira que tamén os que non cren á palabra, poidan ser gañados sen dicir nada pola vosa conduta, 2 ao veren que a vosa maneira de vivir é respectuosa e pura. 3 Non sendo o voso atavío o exterior: de cabelos peiteados, xoias de ouro ou de vestidos luxosos, 4 senón o interior do corazón, co adorno inmortal dun espírito pacífico e sereo, cousa moi preciosa diante de Deus. 5 Porque así tamén se ataviaban noutro tempo as santas mulleres que esperaban en Deus, suxeitas aos seus maridos. 6 Así obedeceu Sara a Abraham, chamándoo Señor, e chegastes ser fillas dela facendo o ben sen ter medo de ameaza algunha. 7 E vós, maridos, do mesmo xeito, tratade ás vosas mulleres con compresión, como compañeira máis feble, dándolle honra como coherdeira da graza da vida, para que as vosas oracións non sexan estorbadas. 8 En fin, sede todos dun mesmo sentir, compasivos, fraternais, misericordiosos e de espírito humilde; 9 non pagando mal por mal, ou insulto por insulto, senón máis ben bendecindo, porque fostes chamados co propósito de herdar bendición. 10 Porque: o que queira amar a vida e ver días bos, reteña a súa lingua do mal e os seus beizos non falen mentiras. 11 Afástese do mal e faga o ben; procure a paz e sígaa. 12 Porque os ollos do Señor están sobre os xustos, e os seus ouvidos atentos ás súas oracións; mais o rostro do Señor está na contra dos que fan o mal. 13 Quen vos poderá facer mal se amosades celo polo bo? 14 Mais sodes benaventurados aínda que sufrades por causa da xustiza. E non teñades temor deles nen vos turbedes. 15 Senón santificade a Cristo como o Señor dos vosos corazóns, estando sempre preparados para presentar defensa ante todo o que vos pida razón da esperanza que hai en vós, 16 mais facédeo con mansedume e respecto; tendo boa conciencia, para que naquilo que sodes calumniados, sexan avergoñados os que difaman a vosa boa conduta en Cristo. 17 Xa que é mellor padecer por facer o ben, se así é a vontade de Deus, que por facer o mal. 18 Porque tamén Cristo morreu polos pecados unha soa vez para levarnos a Deus, o xusto polos inxustos, morto na carne mais vivificado no espírito; 19 no que tamén foi e pregou aos espíritos encarcerados, 20 os que noutro tempo foran desobedientes, cando Deus agardaba con paciencia nos dias de Noé durante a construción da arca, na que uns poucos, isto é oito persoas, foron salvadas polas augas. 21 E como símbolo disto, o bautismo que agora vos salva (non quitando a suciedade do corpo, senón correspondendo a Deus cunha boa conciencia) pola resurrección de Xesús Cristo, 22 quen está á dereita de Deus, subiu ao ceo despois de que se lle someteran anxos, autoridades e potestades.