Capítulo 2

1 Daquela, rexeitando toda maldade e todo engano, e finximentos, envexas e tódalas inxurias, 2 desexade como nenos que acaban de nacer, o leite puro da palabra, para que por el medredes para salvación, 3 xa que probastes a bondade do Señor. 4 E achegádevos a El, pedra viva, desprezada polos homes, mais escollida e preciosa diante de Deus, 5 tamén vós, como pedras vivas, sede edificados como casa espiritual para un sacerdocio santo, ofrecendo sacrificios espirituais aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. 6 Por iso di a Escritura: "velaí poño en Sión unha pedra escollida e preciosa, pedra angular, e o que crea nel non ha ser avergoñado". 7 Polo tanto para os que credes, El é precioso; mais para os que non cren: "a pedra que rexeitaron os constructores, veu ser a pedra angular 8 e, pedra onde tropezar e rocha onde caer"; pois eles tropezan porque son desobedientes á palabra, e ese é o seu destino. 9 Mais vós sodes raza escollida, real sacerdocio, nación santa, pobo adquirido por Deus, para anunciar as proezas daquel que vos chamou das tebras á sua luz admirable; 10 xa que vós non erades pobo noutro tempo, mais agora sodes o pobo de Deus; non recibirades misericordia, mais agora recibistes misericordia. 11 Amados, rógovos como a extranxeiros e peregrinos que vos absteñades das paixóns carnais que loitan contra a alma. 12 Entre os xentís, mantede unha conduta irreprochable, para que naquilo que vos calumnian como malfeitores, ao ver as vosas boas obras, glorifiquen a Deus o día que El os visite. 13 Sometédevos a toda autoridade humana por causa do Señor, xa sexa ao rei, como a un superior, 14 ou aos gobernadores, como enviados por el para castigo dos malfeitores e gabanza dos que fan o ben. 15 Porque esta é a vontade de Deus: que facendo o ben, fagades calar a ignorancia dos insensatos. 16 Andade coma persoas libres, mais non usedes a liberdade como pretexto para a maldade, senón empregádea como servos de Deus. 17 Dádelle honra a todos, amade aos irmáns, temede a Deus, honrade ao rei. 18 Servos, estade suxeitos aos vosos amos con todo o respecto, non só aos que son bos e afables, senón tamén aos que son intratables. 19 Para que isto teña favor, se debido á conciencia ante Deus, algún atura penalidades sufrindo inxustamente. 20 Pois, que mérito ten se cando pecades vos dan de labazadas e o soportades? Mais cando facedes o ben sufrides por iso e o soportades con paciencia, isto é precioso diante de Deus. 21 Porque para este propósito fostes chamados, xa que Cristo sufriu por vosoutros, deixándovos o exemplo para que sigades as súas pegadas, 22 "o que non cometeu pecado, nen mentira algunha se atopou na súa boca"; 23 quen cando o aldraxaban, non respondía con aldraxes; cando sofría, non ameazaba, senón que se encomendaba a Aquel que xulga con xustiza; 24 El mesmo levou os nosos pecados no seu corpo sobre a cruz, para que morramos ao pecado e vivamos para a xustiza, porque polas súas feridas fostes sandados. 25 Xa que vós andabades descarreirados como ovellas, mais agora volvestes ao Pastor e Gardián das vosas almas.