1
E escoitei unha gran voz que dende o templo dicía aos sete anxos: ide e vertede na terra as sete copas da ira de Deus.
2
O primeiro foi e verteu a súa copa na terra; producindo unha chaga pestilente e maligna nas persoas que tiñan a marca da besta e que adoraban a súa imaxe.
3
O segundo verteu a súa copa no mar e convertiuse en sangue coma de morto; e morreu todo ser vivo dos que están no mar.
4
O terceiro verteu a súa copa nos ríos e nas fontes de auga, e convertéronse en sangue.
5
E oín ao anxo das augas que dicía: Xusto es ti, o que eres, e o que eras, oh Santo, porque xulgaches estas cousas;
6
pois eles verteron sangue de santos e profetas e ti décheslles a beber sangue; téñeno merecido.
7
E oín ao altar, que dicía: sí, oh Señor Deus Todopoderoso, verdadeiros e xustos son os teus xuízos.
8
O cuarto verteu a súa copa sobre o sol, e foille dado queimar ás persoas con lume.
9
E as persoas foron queimadas co calor abafante; e blasfemaron o nome de Deus que ten poder sobre estas pragas, e non se arrepentiron para darlle gloria.
10
O quinto verteu a súa copa sobre o trono da besta; e o seu reino quedou en tebras, mordéndose a lingua da dor.
11
E blasfemaron contra o Deus do ceo por mor das súas dores e das súas chagas, e non se arrepentiron das súas obras.
12
O sexto verteu a súa copa sobre o gran río Éufrates; e secaron as súas augas para que fora preparado o camiño para os reis do oriente.
13
E vin saír da boca do dragón, da boca da besta e da boca do falso profeta, a tres espíritos inmundos semellantes a rás,
14
pois son espíritos de demos que fan sinais prodixiosas, que van aos reis de todo o mundo, a reunilos para a batalla do gran día do Deus Todopoderoso.
15
(Velaí , veño coma ladrón, ditoso o que vela e garda as súas roupas, non sexa que ande espido e vexan a súa vergoña.)
16
E reuníronos no lugar que en hebreo se chama Armaxedón.
17
O sétimo verteu a súa copa no ar; e unha grande voz saiu do templo, do trono que dicía: Está feito.
18
Entón houbo relampos, voces e estrondos; e houbo un terremoto tan grande e terrible coma endexamais se vira dende que o home está sobre a terra.
19
A gran cidade quedou dividida en tres partes, e as cidades das nacións caeron. E a gran Babilonia foi recordada diante de Deus para darlle o cáliz do viño da ira de Deus.
20
E fuxiu toda illa e nos se atopou monte algún.
21
E enormes graínzos, coma de un talento *
( o peso dun talento era duns 34kg)
cada un, caeron sobre as persoas; e as persoas blasfemaron contra Deus pola praga de sarabia, porque esta praga era grande abonda.