Capítulo 1

1 Revelación de Xesús Cristo, que Deus lle deu para manifestar aos seus servos o que debe suceder axiña, e declarouna enviándoa por medio do seu anxo ao seu servo Xoan, 2 quen deu testemuña da palabra de Deus, e da testemuña de Xesús Cristo, e de todo o que viu. 3 Feliz o que le e os que oen as verbas da profecía e gardan as cousas que nela están escritas, porque o tempo está próximo. 4 Xoan, ás sete igrexas que están en Asia: graza a vós e paz, de quen é e que era e quen virá, e dos sete Espíritos que están diante do seu trono, 5 e de Xesús Cristo, a testemuña fiel, o primoxénito dos mortos e o soberano dos reis da terra. Ao que nos ama e nos fixo libres dos nosos pecados co seu sangue, 6 e fixo de nós un reino e sacerdotes para o seu Deus e Pai, a El sexa a gloria e a soberanía polos séculos. Amén. 7 Velaí ven coas nubes, e vaino ver todo ollo, e tamén os que o traspasaron; e tódalas tribos da terra farán lamentación por El; sí. Amén. 8 Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é e que foi e que está vindo, o Todopoderoso. 9 Eu, Xoan, voso irmán e partícipe con vós na tribulación, no reino e na constancia en Xesús, atopábame na illa de Patmos, por mor da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. 10 Estando no espírito no día do Señor, oín tras de min unha grande voz, como de trompeta, 11 que dicía: escribe nun libro o que ves, e envíao ás sete igrexas: a Éfeso, Esmirna, Pérgamo, Tiatira, Sardis, Filadelfia e Laodicea. 12 E vireime para ver de quen era a voz que estaba a falar comigo. E ó virarme, vin sete candeeiros de ouro; 13 e no medio dos candeeiros, vin a un semellante ao Fillo do Home, vestido cunha túnica que lle chegaba aos pés e cinguido polo peito cun cinto de ouro. 14 A súa cabeza e os seus cabelos eran brancos como a branca lá, coma neve; os seus ollos eran como chamas de lume; 15 os seus pés semellantes ao bronce lustrado, refinado no forno, e a súa voz coma o murmurio de moitas augas. 16 Na súa man dereita tiña sete estrelas, e da súa boca saía unha espada aguda de dous gumes; o seu rostro era coma o sol cando reloce con toda a súa forza. 17 Cando o vin, caín como morto aos pés del. E El puxo a súa man dereita sobre min, dicindo: Non temas, eu son o primeiro e o derradeiro, 18 e o que vive, e estiven morto; velaquí, estou vivo polos séculos dos séculos, e teño as chaves da morte e do Hades. 19 Escribe as cousas que viches, e as que son, e as que sucederán despois de éstas. 20 No tocante ao misterio das sete estrelas que viches na miña man dereita e dos sete candeeiros de ouro: as sete estrelas son os anxos das sete igrexas, e os sete candeeiros son as sete igrexas.