1
Por iso, non podendo soportalo máis, decidimos quedar sós en Atenas,
2
e mandarvos a Timoteo, o noso irmán e colaborador de Deus no evanxeo do Mesías, para vos enfortecer e animar na fe a fin de que ninguén se estremeza polos apretos que está a pasar,
3
ben sabedes que para iso fomos chamados.
4
Porque cando estabamos aínda convosco, xa vos avisamos que iamos aturar sufrimentos, e así é como foi, ben o sabedes.
5
Por iso, eu tamén, non podendo soportalo máis, mandei a recoñecer a vosa fe, non fora que dalgún xeito, o tentador vos seducira e o noso traballo fora en van.
6
Pero agora Timoteo, xa chegou de onda vós traendo as boas novas da vosa fe e amor, e de que sempre nos lembrades, desexando vernos (coma tamén nós a vós),
7
iso foi o que nos consolou, irmáns, en canto a vós, en medio de tódalas nosas necesidades e tribulacións pola vosa fe,
8
porque agora vivimos, xa que vós estades firmes no Señor.
9
Pois, que acción de grazas poderemos dar a Deus por vós, por toda a ledicia con que nos alegramos diante do noso Deus por vós,
10
xa que noite e día pedimos con insistencia que poidamos vervos e completemos o que falta á vosa fe!
11
Que o mesmo Deus e Pai noso, e o noso Señor Xesús, dirixa o noso camiño cara vós.
12
Que faga o Señor que medredes e abundendes no amor uns cos outros, e con todos, do mesmo xeito que nós tamén para vós,
13
para que os nosos corazóns sexan afirmados irreprensibles en santidade diante do noso Deus e Pai, cando veña o noso Señor Xesús con tódolos seus santos.