1 Sicedeu despois da morte de Moisés, servo de Iahveh, que Iahveh falou a Xosué, fillo de Nun, e axudante de Moisés, dicindo: 2 O meu servo Moisés morreu; agora, pois, érguete, cruza este Xordán, ti e todo este pobo, cara á terra que eu lles dou aos fillos de Israel. 3 Todo lugar que pise a planta do voso pé volo entrego , tal como lle dixen a Moisés. 4 Desde o deserto e este Líbano ata o gran río, o río Eufrates, toda a terra dos hititas ata o mar Grande que está cara ao solpor, será o voso territorio. 5 Ninguén se che poderá arrepoñer durante todos os días da túa vida. Así como estiven con Moisés estarei contigo; non te deixarei nin te abandonarei. 6 Sé rexo e valente, porque ti farás herdar a este pobo a terra que xurei aos seus devanceiros que lles había de dar. 7 Só sé rexo e moi valente; cóidate de cumprir toda a lei que o meu servo Moisés che mandou; non te desvíes dela nin á dereita nin á esquerda, para que teñas éxito onde queira que vaias. 8 Este libro da lei non se apartará da túa boca, senón que meditarás nel día e noite, para que coides de facer todo o que nel está escrito; porque entón farás prosperar o teu camiño e terás éxito. 9 Non cho ordenei eu? Sé rexo e valente! Non temas nin te acovardes, porque Iahveh o teu Deus estará contigo onde queira que vaias. 10 Entón Xosué deu ordes aos oficiais do pobo dicindo: 11 Pasade polo medio do campamento e ordenade ao pobo, dicindo: " Preparade provisións para vós porque dentro de tres días atravesaredes o Xordán para tomardes posesión da terra que Iahveh, o voso Deus, vos dá en posesión" 12 E aos rubenitas , aos gaditas e á media tribo de Manasés, díxolles Xosué : 13 Lembrade a palabra que Moisés, servo de Iahveh, vos deu : "Iahveh, o voso Deus concédevos acougo e daravos esta terra". 14 As vosas mulleres, os vosos rapaces e o voso gando ficarán na terra que Moisés vos deu alén do Xordán; pero vós, todos os valentes querreiros, pasaredes en orde de batalla diante dos vosos irmáns, e axudarédelos, 15 ata que Iahveh lles dea acougo aos vosos irmáns como a vós, e eles tamén tomen posesión da terra que Iahveh, o voso Deus, lles dá. Entón volveredes á vosa terra e posuiredes o que Moisés, servo de Iahveh ,vos deu alén do Xordán cara ao oriente. 16 E eles respondéronlle a Xosué: Faremos todo canto nos mandaches, e onde queira que nos envíes, iremos. 17 Como obedecemos en todo a Moisés, obedecerémosche a ti, con tal que Iahveh o teu Deus estea contigo como estivo con Moisés. 18 Calquera que se rebele contra o teu mandato e non obedeza as túas palabras en todo o que lles mandes, daráselle morte; só sé rexo e valente.