1
Paulo, prisioneiro de Cristo Xesús, e o irmán Timoteo, a Filemón o noso amado irmán e colaborador,
2
e á irmá Apia, e a Arquipo, compañeiro noso de milicia, e á igrexa que está na túa casa.
3
Graza e paz a vós, de Deus o noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
4
Doulle grazas a meu Deus sempre, lembrándote nas miñas oracións,
5
ao escoitar do teu amor e da fe que tes para co Señor Xesús e con todos os santos;
6
e rogo para que a participación da túa fe se faga activa no coñecemento pleno de todo o bo que hai en nós no Mesías,
7
porque nos alegramos moito e fomos consolados no teu amor, pois foi por ti, meu irmán, que foron confortados os corazóns dos santos.
8
Por iso, mesmo que teño moita liberdade en Cristo para che mandar facer o que convén,
9
mais ben rógoche polo amor, sendo como son, Paulo, xa ancián, e agora tamén prisioneiro de Cristo Xesús;
10
pídoche polo meu fillo Onésimo, o que enxendrei na cadea,
11
o que noutro tempo che era inútil, pero agora énos útil a ti e a min;
12
a quen che mandei de volta, como se fora parte de min.
13
A quen eu quixese reter comigo, para que me servise no teu lugar nas miñas prisións polo evanxeo,
14
mais non quixen facer cousa algunha sen o teu consentimento, para que a túa bondade non fora como por obriga, senón que saíra de ti.
15
Porque pode ser que por iso se afastara de ti por algún tempo, para que o volveras a recibir para sempre,
16
xa non coma escravo senón coma a máis que un escravo, coma a un irmán amado, especialmente para min, pero canto máis para ti: tanto na carne como no Señor.
17
Se me tes por compañeiro, recíbeo como a min.
18
Pero se te agraviou en cousa algunha, o que che estea a deber, pono na miña conta.
19
Eu, Paulo, escribín isto do meu puño e letra e eu pagarei! (por non dicirche que ti mesmo te me debes a min).
20
Si, irmán, permíteme disfrutar este beneficio de ti no Señor, conforta o meu corazón en Cristo.
21
Escribinche fiando na túa obediencia, e sabendo que aínda farás máis do que che estou a dicir.
22
E ao mesmo tempo, prepárame hospedaxe a min tamén; porque me poderedes ter convosco en resposta ás vosas oracións.
23
Saúdate Epafras, o meu compañeiro de prisión en Cristo Xesús;
24
e tamén Marcos, Aristarco, Demas e Lucas, os meus colaboradores.
25
A graza do Señor Xesús Cristo sexa co voso espírito.