Capítulo 8

1 Agora ben, este é o punto principal de todo o que dixemos: temos un Sumo Sacerdote, que se sentou á dereita do trono da Maxestade nos ceos, 2 como servidor do santuario e do tabernáculo verdadeiro, que alzou o Señor, e non un home. 3 Porque todo sumo sacerdote está constituído para presentar ofrendas e sacrificios, polo que é preciso que este tamén teña algo que ofrecer. 4 Así que, se El estivera na terra, nin sequera había ser sacerdote, habendo sacerdotes que presentan ofrendas segundo a lei; 5 eles serven o que é copia e sombra das cousas celestiais, tal como lle foi revelado a Moisés por Deus cando estaba a piques de alzar o tabernáculo; pois, El di: "Mira, fai tódalas cousas conforme o modelo que che foi amosado no monte". 6 Pero agora, El acadou un ministerio aínda superior, sendo que tamén é mediador dun mellor pacto, baseado sobre mellores promesas. 7 Pois se aquel primeiro pacto houbese sido sen defecto, non habería lugar para un segundo. 8 Porque reprochándoos, dixo: "Mirade que veñen días, di o Señor, en que establecerei un novo pacto coa casa de Israel e coa casa de Xudá; 9 non coma o pacto que fixen cos seus ancestros o día que os tomei da man para sacalos da terra de Exipto; porque non permaneceron fieis no meu pacto, e Eu desentendinme deles", di o Señor. 10 Por iso este é o pacto que Eu farei coa casa de Israel despois daqueles días, di o Señor: "Porei as miñas leis nas súas mentes, e escribireinas nos seus corazóns. Eu serei o seu Deus, e eles serán o meu pobo. 11 E ningún deles ensinará ao seu concidadán, ou a seu irmán, dicindo: coñece o Señor, porque todos me coñecerán, dende o menor ata o maior deles. 12 Pois terei misericordia das súas inxustizas, e endexamais lembrarei os seus pecados". 13 E cando El dixo: "un novo pacto", fixo caduco o primeiro; e o que queda caduco e avellece, está preto a desaparecer.