1
Que o amor fraterno permaneza.
2
Non esquezades ser hospitalarios, porque así algúns, sen se decataren, acolleron anxos.
3
Lembrádevos dos que están na cadea, coma presos xuntamente con eles, e dos maltratados, coma estando vós mesmos no corpo deles.
4
Que o matrimonio sexa cheo de honra e o leito matrimonial sen tacha, xa que Deus ha xulgar os desvergonzados e adúlteros.
5
Que o voso xeito de vivir sexa sen avaricia de cartos, estade satisfeitos co que tendes, porque
El dixo: "Nunca te hei deixar, nin te abandonarei".
6
De xeito que podemos dicir cheos de bo ánimo: "O Señor é o meu axudador, non terei medo. Haberá quen de facerme mal?
7
Lembrádevos dos que coidan de vós, que vos anunciaron a palabra de Deus; considerade cal foi o resultado da súa conduta e imitade a súa fe.
8
Xesús Cristo, é o mesmo, onte, hoxe e por sempre.
9
Non vos deixedes levar por doutrinas diferentes e alleas, pois mellor é que o corazón sexa fortalecido coa graza, e non cos alimentos dos que non sacaron proveito aqueles que os gardaban.
10
Temos un altar do que non teñen dereito a comer os que serven no templo,
11
porque os corpos dos animais, dos que o sangue é levado polo sumo sacerdote ao lugar santísimo como ofrenda polo pecado, son queimados fóra do campamento.
12
Do mesmo xeito, tamén Xesús, para santificar o pobo polo seu sangue, padeceu fóra da porta.
13
Saiamos, entón, fóra do campamento para atoparnos con El, levando a súa aldraxe.
14
Porque non temos aquí unha cidade que permanece, senón que procuramos a que está por vir.
15
Ofrezamos sempre, por medio del, un sacrificio de louvor a Deus, quere dicir, froito dos beizos que declaran o seu nome.
16
E de facer o ben e da axuda uns aos outros, non debedes esquecervos, porque eses son os sacrificios que lle agradan a Deus.
17
Estade atentos aos que vos guían e sede dóciles, porque eles velan polas vosas almas como quen ha de dar contas; para que o fagan con ledicia e non queixándose; porque isto non sería de proveito para vós.
18
Orade por nós, pois estamos confiados de que temos unha conciencia boa, desexando conducirnos honradamente en tódalas cousas.
19
E aínda máis rógovos que fagades isto, para que volva a estar convosco canto antes.
20
E o Deus de paz, quen, por mor do sangue do pacto eterno, levantou de entre os mortos o noso Señor Xesús, o gran Pastor das ovellas,
21
vos perfeccione en todo o bo para que fagades a súa vontade, e fará así en nós o que é agradable diante del por medio de Xesús Cristo, a quen sexa a gloria por sempre, amén.
22
Pídovos irmáns que soportedes esta palabra de conforto que vos escribín brevemente.
23
Sabede que o noso irmán Timoteo foi liberado; se vén axiña, ireivos visitar canda el.
24
Saudade a tódolos vosos dirixentes e a tódolos santos. Os da Italia mándavos saúdos.
25
Que a graza sexa con todos vós.