1
Por tanto, xa que temos ao noso arredor tan grande nube de testemuñas, desprendámonos de todo peso, e do pecado que nos asedia, e corramos con aguante a carreira que temos por diante.
2
Cos ollos postos en Xesús, o Autor da fe e o que a leva á perfección, quen pola ledicia posta diante del, soportou a cruz e desprezando as aldraxes, sentou á dereita do trono de Deus.
3
Meditade, pois naquel que soportou tal contradición de pecadores enriba de si, para que o voso ánimo non se canse nin esmoreza.
4
Pois aínda non resististes ata derramar sangue na vosa loita contra o pecado;
5
e esquecestes a recomendación que vos dei como cando se lles fala aos fillos: "Meu fillo, non despreces a disciplina do Señor, nin esmorezas cando El te rife,
6
porque o Señor a quen ama disciplínao, e castiga a todo aquel que recoñece por fillo".
7
Aguantade baixo a disciplina xa que Deus vos trata coma fillos; porque, a que fillo non disciplina o seu pai?
8
Pero se quedades sen disciplina, aquela da que todos tomamos parte, entón é que sodes bastardos e non fillos.
9
Aínda máis, nós tivemos os nosos pais que nos disciplinaban e nós respetabámolos. Non nos someteremos con moita máis razón ao Pai dos espíritos para termos vida?
10
Porque eles, na verdade disciplináronos por poucos días, segundo o seu criterio, pero Deus faino como cómpre, para que participemos da súa santidade.
11
É verdade que ningunha disciplina, no momento, parece ser causa de ledicia, senón de tristura; pero co tempo, dá un froito xusto e cheo de paz a todos os que foron exercitados por medio dela.
12
Polo tanto, enfortecede as mans febles e os vosos xeonllos paralizados,
13
e facede vieiros dereitos para os vosos pés, para que o coxo non escorde, senón que sexa curado.
14
Procurade a paz con todos, e maila santidade, porque sen ela ninguén verá o Señor;
15
tende moito coidado de que ningún sexa privado da graza de Deus, non sexa que xurdindo algunha raíz de amargura, vos chegue a perturbar e por ela moitos sexan contaxiados;
16
que non se atope ningún fornicario ou profano como Esaú, que por un xantar vendeu a súa primoxenitura.
17
Porque sabedes que aínda que despois por máis que quixo herdar a bendición, foi rexeitado (porque non atopou xeito de arrepentirse) aínda que a procurou con bágoas.
18
Porque non estades diante dun monte que se poida apalpar, e que ardía en lume, nin dunha escuridade tenebrosa, nin dunha tormenta,
19
nin do son da trompeta e da voz que falaba, que cando aqueles a escoitaron, pediron que non lles falara máis,
20
porque non soportaban o que se lles estaba a mandar: "Aínda se unha besta toca o monte, será apedrada".
21
E tan terrible era o que vían, que Moisés dixo: "Estou aterrado e tremendo".
22
Pola contra, vós achegástesvos ao monte Sión, e á cidade do Deus vivo: á Xerusalém celeste, e aos milleiros de anxos,
23
á igrexa dos primoxénitos inscritos nos ceos, a Deus, Xuíz de todos, e aos espíritos dos xustos feitos perfectos,
24
e a Xesús, mediador do novo pacto, e o sangue asperxido que fala mellor que o de Abel.
25
Ollade que non rexeitedes o que vos está falando, porque se non fuxiron aqueles que desprezaron a quen os instruían na terra, moito menos nós, se volvemos as costas ao que nos fala dende os ceos;
26
a súa voz fixo tremer a terra nese tempo, pero agora prométenos: "Unha vez máis, Eu farei tremer non só a terra, senón tamén o ceo".
27
Ese "unha vez máis" indica a renovación de tódalas cousas provisionais porque son creadas, para que permanezan aquelas que son inconmovibles.
28
Por iso, xa que recibimos un reino inconmovible, manteñamos a graza, pois por ela servimos a Deus dun xeito aceptable, con reverencia e respecto,
29
porque o noso Deus é lume que consume.