Capítulo 11

1 Fe é, polo tanto, o fundamento das realidades que se esperan, a proba das cousas que non se ven. 2 É por ela que foron aprobados os nosos ancestros. 3 Pola fe é que entendemos que o universo foi constituído pola palabra de Deus, de xeito que o que se ve foi feito do que non se vía. 4 Pola fe Abel ofreceu a Deus un mellor sacrificio que Caín, polo que acadou a aprobación de xusto, dando Deus testemuño das súas ofrendas, e mesmo morto aínda fala por medio dela. 5 Pola fe Henoc foi levado ao ceo para non ver morte; e non foi atopado porque Deus o trasladou; porque antes de ser levado recibiu testemuño de ter agradado a Deus. 6 E sen fe é imposible agradalo; porque cómpre que o que se achega a Deus crea que El existe e que recompensa aos que o buscan. 7 Pola fe Noé, sendo advertido por Deus sobre as cousas que aínda non se vían, con temor preparou unha arca para a salvación da súa casa, e mediante esa fe condenou o mundo, chegando ser herdeiro da xustiza que é segundo a fe. 8 Pola fe Abraham, ao ser chamado, obedeceu, saíndo para un lugar que había recibir como herdanza; e saíu sen saber cara onde ía. 9 Foi pola fe que viviu como estranxeiro na terra da promesa como en terra allea, vivindo en tendas como Isaac e Xacob, coherdeiros da mesma promesa, 10 porque agardaba a cidade que ten alicerces, da que o seu arquitecto e construtor é Deus. 11 Tamén a mesma Sara, sendo estéril, recibiu a forza para concebir, xa fóra do tempo natural, pois tivo por fiel a quen o prometera. 12 Polo que tamén naceu dun (e este xa case morto) unha descendencia como as estrelas do ceo en número e innumerable coma a area que está á beira do mar. 13 Todos eles morreron en fe, sen recibiren as promesas, pero téndoas visto e aceptado con gusto dende lonxe, confensando que eran peregrinos e estranxeiros sobre a terra. 14 Porque os que din tales cousas, claramente dan a entender que andan á procura dunha patria. 15 E se en verdade estiveran a pensar naquela patria de onde saíron, estaban a tempo de se volver. 16 Pero en realidade desexaban unha patria mellor, é dicir, celestial. Por iso, Deus non se avergoña de ser chamado o seu Deus, pois tenlles preparada unha cidade. 17 Pola fe Abraham cando foi probado, ofreceu a Isaac; e o que recibira as promesas ofrecía o seu unixénito; 18 respecto do que se dixo: "En Isaac serache chamada descendencia". 19 El considerou que Deus era poderoso para levantar aínda de entre os mortos, de onde tamén, en sentido figurado, volveu recibilo. 20 Pola fe Isaac bendixo a Xacob e a Esaú; aínda respecto a cousas futuras. 21 Pola fe Xacob, estando a morrer, bendiciu a cada un dos fillos de Xosé, e adorou apoiándose no extremo do seu caxato. 22 Pola fe Xosé, ás portas da morte, mencionou o éxodo dos fillos de Israel, e deu instrucións sobre os seus ósos. 23 Pola fe Moisés, foi escondido polos seus pais ao nacer durante tres meses, porque viron que era un meniño fermoso e non tiveron medo do edicto do rei. 24 Pola fe Moisés, xa grande, rexeitou ser chamado fillo da filla do faraón, 25 escollendo máis ben ser maltratado co pobo de Deus, antes que gozar dos praceres temporais do pecado, 26 tendo por maiores riquezas as aldraxes do Mesías que os tesouros de Exipto; porque tiña posta a mirada na recompensa. 27 Pola fe saíu de Exipto sen lle ter medo á ira do rei, porque permaneceu firme como vendo o Invisible. 28 Pola fe celebrou a Pascua e o asperxemento do sangue, para que o exterminador dos primoxénitos non os tocara. 29 Pola fe atravesaron o mar Vermello como por terra seca, e cando procuraron pasar os exipcios, afogaron. 30 Pola fe caeron os muros de Iericó, despois de seren rodeados por sete días. 31 Pola fe Rahab a prostituta non morreu cos desobedientes, por recibir os espías en paz. 32 E que más hei dicir? Pois non me chegaría o tempo para contar de Guideón, Barac, Sansón, Iefté, David, Samuel e os profetas; 33 os que pola fe conquistaron reinos, fixeron xustiza, acadaron promesas, pecharon bocas de leóns, 34 apagaron a violencia do lume, fuxiron do fío da espada; sendo febles, foron feitos fortes, fixéronse poderosos na guerra, puxeron en fuga a exércitos estranxeiros. 35 As mulleres recibiron os seus mortos mediante a resurrección; outros foron torturados, non aceptando a súa liberación, para obter unha mellor resurrección. 36 Outros experimentaron inxurias e azoutes, e mesmo cadeas e prisións. 37 Foron apedrados, serrados, tentados, mortos a espada; andiveron de aquí para alá cubertos con peles de ovellas e de cabras; pasando fame, aflixidos, maltratados; 38 o mundo non era digno deles! Errantes por desertos e montes, por covas e cavernas da terra. 39 E todos eles, sendo aprobados pola súa fe, non recibiron a promesa, 40 porque Deus tiña preparado algo mellor para nós, para que eles non foran feitos perfectos sen nós.