1
Porque sendo a lei só a sombra dos bens futuros e non a imaxe mesma das cousas, nunca pode por medio dos mesmos sacrificios que se ofrecen decontino cada ano, perfeccionar os que se achegan.
2
Doutro xeito, non deixarían de ser ofrecidos, posto que os que adoran, unha vez purificados, non terían xa máis conciencia de pecado?
3
Pero neses sacrificios, faise memoria dos pecados cada ano.
4
Porque é imposible que o sangue de touros e chibos quite os pecados.
5
Polo que, entrando El no mundo, di: "Non quixeches sacrificio nin ofrenda, pero preparáchesme un corpo ;
6
non te agradaches nos holocaustos polo pecado".
7
Daquela dixen: "Velaí, Eu veño para facer, oh Deus, a túa vontade. No pergamiño do libro foi escrito sobre min".
8
Dicindo anteriormente: "Non quixeches sacrificios e ofrendas e holocaustos polo pecado, e non te agradaches neles, sendo ofrecidos segundo a lei",
9
entón dixo: "Velaquí Eu veño para facer a túa vontade. Quita o primeiro para que se estableza o segundo".
10
Por esta vontade é que somos santificados mediante a ofrenda do corpo de Xesús Cristo unha vez e para sempre.
11
E, de certo, todo sacerdote se mantén en pé día tras día servindo e ofrecendo moitas veces os mesmos sacrificios, que nunca poden quitar os pecados;
12
pero este, ofrecendo un só sacrificio polos pecados para sempre, sentouse á dereita de Deus,
13
agardando ata que os seus inimigos sexan postos coma un estrado para os seus pés.
14
Porque por unha soa ofrenda El perfeccionou para sempre os que son santificados.
15
E tamén nos testifica o Espírito Santo; porque despois de ter dito:
16
"Este é o pacto que farei con eles despois daqueles días, di o Señor, porei as miñas leis no seus corazóns, e escribireinas nas súas mentes,
17
e non me lembrarei endexamais dos seus pecados e transgresións".
18
É dicir, onde hai perdón destas cousas, xa non hai ofrenda polo pecado.
19
Daquela, irmáns, tendo a confianza de que polo sangue de Xesús temos entrada ao lugar santísimo,
20
sangue que nos abriu un camiño novo e vivo, por medio do veo, isto é, pola súa carne,
21
e xa que temos un gran Sacerdote sobre a casa de Deus,
22
acheguémonos con corazóns sinceros, con plena certeza de fe, tendo os corazóns purificados e libres de toda mala conciencia e os corpos lavados con auga limpa;
23
manteñamos firme a profesión da nosa esperanza, sen dubidar, porque fiel é o que prometeu; e
24
considerémonos uns aos outros para estímulo do amor e das boas obras;
25
non abandonando a nosa propia asamblea, como algúns acostuman facer, senón exhortándonos, e máis aínda cando vemos que o día se achega.
26
Porque se seguimos a pecar voluntariamente logo de recibir o coñecemento da verdade, xa non queda sacrificio algún polos pecados,
27
senón unha terrible expectación de xuízo, e o ardor dun lume que ha consumir os adversarios.
28
O que rexeita a lei de Moisés, morre sen misericordia polo testemuño de dúas ou tres testemuñas.
29
Canto maior castigo pensades que ha merecer quen pisoteou o Fillo de Deus, e tivo por inmundo o sangue do pacto polo que foi santificado, e aldraxou o Espírito da graza?
30
Pois coñecemos ao que dixo: "A vinganza é miña, Eu pagarei". E outra vez: "O Señor ha xulgar o seu pobo".
31
Cousa tremenda é caer nas mans do Deus vivo!
32
Pero lembrade os días pasados, cando despois de que fostes iluminados, soportastes unha gran loita de padecementos;
33
dunha banda, sendo expostos á vergoña pública con aldraxes e aflicións, e doutra banda, sendo compañeiros dos que eran tratados así.
34
Porque compartistes os padecementos dos prisioneiros e aceptastes con alegría o serdes despoxados dos vosos bens, sabendo que tedes para vós mesmos unha mellor e máis perdurable herdanza.
35
Polo tanto, non perdades a vosa confianza, que ten grande recompensa.
36
Porque precisades de paciencia, para que cando teñades cumprida a vontade de Deus, acadedes a promesa.
37
Porque de aquí a un intre, tan só un intre, o que ha de vir, virá, e non ha tardar.
38
Pero o meu xusto terá vida pola fe; e se retrocede a miña alma non se ha agradar nel.
39
Pero nós non somos dos que recuamos para perdición, senón dos que gardan a fe para a preservación da alma.