Capítulo 38

1 Sucedeu naquel tempo que Xudá deixou aos seus irmáns e quedouse cun adulamita chamado Hira. 2 E viu alí Xudá á filla dun home cananeo, chamado Súa, e casou con ela, e durmiu con ela. 3 E ela quedou embarazada e tivo un fillo que foi chamado Er. 4 Quedou embarazada outra vez e tivo un fillo ao que chamou Onán. 5 E de novo volveu dar a luz un fillo e chamouno Sela. Estaba en Quezib cando o deu a luz. 6 Entón Xudá atopou unha esposa para Er, o seu primoxénito. O nome dela era Tamar. 7 Pero Er, o primoxénito de Xudá, era malo aos ollos de IHVH, e IHVH fíxoo morrer. 8 E Xudá díxolle a Onán: "Durme coa muller do teu irmán. Cumpre o deber dun cuñado con ela e cría un fillo para teu irmán." 9 Pero Onán sabía que o fillo non sería del, polo que cando durmía coa esposa do seu irmán vertía o seme no chan, coa fin de non ter un fillo para o seu irmán. 10 E isto que facía foi malo aos ollos de IHVH, e tamén a el fíxoo morrer. 11 Entón Xudá díxolle a Tamar, a súa nora: "Quédate viúva na casa do teu pai ata que o meu fillo Sela medre." Porque temía: "el tamén podería morrer, igual que os seus irmáns." Así que Tamar foise e viviu na casa do seu pai. 12 Despois de moito tempo, a filla de Súa, esposa de Xudá, morreu. Entón Xudá foi consolado e subiu onde os tosquiadores das súas ouvellas en Timnat, el e mailo seu amigo Hira o adulamita. 13 E foille dado aviso a Tamar, dicíndolle: "Mira, o teu sogro está subindo cara Timnat para tosquiar as súas ouvellas." 14 Entón Tamar, vendo que Sela xa medrara, pero que ela non fóra entregada a el como esposa, quitouse as súas roupas de viúva e cubriuse o cabelo e, disfrazada, sentouse á porta de Enaim, que está no camiño cara Timnat. 15 Cando a viu Xudá, pensou que era unha prostituta porque levaba a cara cuberta. 16 El desviouse do camiño onda ela, e díxolle: "Ven, por favor, déixame durmir contigo", pois non sabía que era a súa nora, e ela díxolle: "¿Que me darás para poder durmir comigo?" 17 El dixo: "Eu mesmo enviareiche un cabrito do rabaño." E ela dixo: "¿Darasme unha prenda ata que mo envíes?" 18 El dixo: "¿Que prenda eiche dar?" Ela respondeu: "O teu selo, o teu cordón e o bastón que está na túa man". Entón el deullos e durmiu con ela, e ela quedou embarazada del. 19 Despois ela levantouse e marchou. Quitouse o seu veo e púsoxe a roupa da súa viúvez. 20 E Xudá enviou o cabrito por medio do seu amigo o adulamita, para recibir a prenda de man da muller, pero non a atopou. 21 Entón o adulamita preguntoulles aos homes do lugar: "¿Onde está a prostituta de culto que estivo polo camiño de Enaim?" Eles dixeron: "Non houbo ningunha prostituta de culto por aquí." 22 Deseguido regresou a Xudá, e díxolle: "Non a atopei. Ademáis, os homes do lugar tamén dixeron: Aquí non estivo ningunha prostituta de culto." 23 E Xudá díxolle: "Deixa que se quede coas cousas, para que non sexamos avergoñados. Enviar envieille o cabrito, mais ti non a atopaches." 24 Ao cabo duns tres meses avisaron a Xudá dicíndolles: "Tamar a túa nora cometeu prostitución e incluso está embarazada." Entón dixo Xudá: "Que a traian aquí e a queimen." 25 Pero cando a levaron fóra, ela envioulle unha mensaxe ao seu sogro: "Do home ao que pertencen estas cousas estou eu embarazada." E dixo: "Recoñecede, por favor, de quen son este selo, o cordón e o bastón." Entón 26 Xudá recoñeceunos e dixo: "Ela é máis xusta ca min, porque eu non a din como esposa ao meu fillo Sela." Pero nunca máis volveu durmir con ela. 27 Sucedeu que no tempo de dar a luz, velaí que había xemelgos no seu ventre. 28 E ocorreu que, cando estaba dando a luz, un deles sacou unha man, e a parteira tomou un fío de escarlata e amarroullo na man, dicindo: "Este saiu primeiro." 29 Pero entón este retirou a man e velaí que foi o seu irmán o que saiu primeiro. E a parteira exclamou: "¡Como te abriches camiño!" Por esta razón chamárono Fares. 30 Despois saiu o seu irmán, o que tiña o fío de escarlata na man, e chamárono Zara.