Capítulo 33
1
Esta é a bendición coa que Moisés, home de Deus, bendiciu os fillos de Israel denantes da súa morte.
2
Dixo:
Iahveh veu do Sinai
e levantouselles dende Seir, brillou dende o monte Parán, e veu cunha miríade dos santos.
Á súa destra, dende o fogo, deulles a lei.
3
É ben certo que el ama o seu pobo; tódolos seus santos están na túa man e seguen os teus pasos; todos reciben das túas palabras.
4
Moisés prescribiunos unha lei, unha herdanza para a asemblea de Xacob.
5
El era rei en Iesurún, cando se xuntaron os xefes do pobo canda as tribos de Israel.
6
Viva Rubén, e non morra, e non veñan ser poucos seu homes.
7
E dixo isto no tocante a Xudá: Escoita. ó Iahveh, a voz de Xudá, e tráeo a seu pobo. Loitou coas súas mans por eles; sé ti a súa axuda en contra dos seus adversarios.
8
E dixo de Leví: Sexan o teu Tumim e o teu Urim para o teu varón santo. a quen probaches en Masah, co que loitaches nas augas de Meriba;
9
o que dixo de seu pai e de súa nai: "non sei quen son"; e non recoñeceu a seus irmáns, nin tivo en conta aos seus propios fillos, porque obedeceron a túa palabra, e mais gardaron o teu pacto.
10
Eles han ensinar as túas ordenanzas a Xacob e a túa lei a Israel. Poñerán incenso diante de ti, e holocaustos perfectos sobre o teu altar.
11
Bendí. ó Iahveh, os seus esfrozos, e acepta as obras das súas mans; parte os lombos dos que se erguen contra del e dos que o odian, para que endexamais non se levanten.
12
Dixo de Benxamín: Viva o amado de Iahveh en seguridade xunto a aquel que o protexe todo o día, e que fai que descanse nos seus brazos..
13
E dixo de Xosé: Bendita de Iahveh sexa a súa terra, co mellor dos ceos, co orballo e co manancial que está por baixo;
14
co mellor dos froitos do sol e cos mellores froitos das tempadas;
15
co mellor dos montes antigos e co escolleito dos outeiros eternos;
16
co mellor da terra e canto contén e o favor de aquel que habitaba na silveira. Baixe a bendición sobre a testa de Xosé, e sobre o cocote do consagrado entre seus irmáns.
17
Sexa o seu esplendor coma o primoxénito dun touro, e os seus cornos os do búfalo para acornellar con eles as nacións. Todas a unha, ata os confíns da terra. Así son as miríades de Efraín! E así as miríades de Manaxés!
18
Dixo de Zabulón: Alégrate Zabulón nas túas saídas, e ti Isacar, nas túas carpas.
19
Convocarán as tribos ás montañas, alí ofrecerán sacrificios de xustiza, porque disfrutarán da riqueza dos mares, e dos tesouros que agochan as areas.
20
De Gad dixo: Gad foi bendicido para se ensanchar; agóchase coma un león, arrinca o brazo e máis a cabeza.
21
Escolleu para si as primicias, pois alí foille gardada a porción de lexislador. Presentouse ás cabezas do pobo e deu cumprimento á xustiza de Iahveh, a aos seus decretos para con Israel.
22
De Dan, dixo: Dan é un cachorro de león que salta dende Basán.
23
E de Neftalí dixo: Ó Neftalí! Saciado de benevolencia, e cheo da bendición de Iahveh: posúe o mar e a súa bisbarra!
24
E de Aser, dixo: Sexa bendito con fillos Aser! Sexa favorecido ante seus irmáns, e bañe o seu pé en aceite.
25
De ferro e bronce será o teu calzado, e tan longo coma teus días será o teu repouso.
26
No hai ninguén coma o Deus de Iexurúm, que cabalga sobre os ceos e vén a te auxiliar, e na súa maxestade sobre as nubes.
27
O Deus eterno é o teu refuxio, baixo o que están os brazos eternos. Bota o inimigo da túa presenza e di: Destrúe!
28
Acampa Israel en seguridade, vive apartada a fonte de Xacob, en terra de trigo e viño; baixo os seus ceos que destilan orballo.
29
Feliz ti, Israel! Quen coma ti? Pobo que está a ser salvado por Iahevh! O que te axuda ten o seu escudo sobre ti, a a súa espada será a túa gloria. Han te adular os teus inimigos, ao tempo que lles pasas por riba.