12
Pablo, un apóstolo de Xesús o Mesías pola vontade de Deus, e o irmán Timoteo, á igrexa de Deus que está en Corinto, xunto con tódolos santos que estades en Acaia; graza e paz a vós, de Deus noso Pai e do Señor Xesús, o Mesías.
3
Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús, o Mesías, Pai das misericordias e de toda consolación.
4
Quen nos consola en tódalas nosas dificultades, para que nós poidamos consolar aos que están pasando calquera dificultade, co consolo co que nós mesmos somos consolados por Deus.
5
Porque así coma abundan en nós os sufrimentos de Cristo, así abunda tamén o noso consolo por medio de Cristo.
6
Pero se somos aflixidos, é para vosa consolación e salvación; ou se somos consolados, é para consolación vosa, obrando na paciencia dos mesmos padecementos que nós padecemos.
7
E a nosa esperanza sobre vós é firme, sabendo que como sodes copartícipes dos sufrimentos, tamén o sodes da consolación.
8
Porque non queremos que ignoredes, irmáns, sobre a persecución que tivemos en Asia, porque fomos oprimidos e angustiados moito máis aló das nosas forzas, mesmo que case perdemos a esperanza de sobrevivir.
9
De feito, dentro de nós tivemos sentenza de morte, para que non confiáramos en nós mesmos, senón en Deus que resucita aos mortos,
10
quen nos librou de tan grande morte, e libraranos; e en quen agardamos, e aínda nos librará;
11
axudándonos vós coas oracións por nós, para que moitas persoas dean grazas a Deus por nós, pola liberación que nos foi dada por medio de moitos.
12
Porque a nosa gloria é esta: o testemuño da nosa conciencia, que coa sinceridade e santidade de Deus, non con sabedoría humana, senón coa graza de Deus, nos conducimos no mundo, e moito máis cara vós.
13
Porque non vos escribimos cousa algunha, senón o que ledes e entendedes, e agardo entendades por completo;
14
como tamén entendestes en parte que somos vosa gloria, e tamén vós sódela nosa no día do Señor Xesús.
15
E foi con esta confianza coa que me propuxen ir primeiro a vós, para que tiverades o beneficio dunha segunda ocasión,
16
e logo de visitarvos, pasar a Macedonia, e de Macedonia volver canda vós, e ser encamiñado por vós na miña viaxe a Xudea.
17
así que, por propoñerme tal cousa, fun inestable? Ou as cousas que me propoño na miña carne, son para poder dicir sí,sí e non, non ao mesmo tempo?
18
Pero Deus é fiel, que a nosa palabra para con vós non é sí e non.
19
Pois o Fillo de Deus, Xesús Cristo, que foi predicado por nós entre vosoutros; por min, por Silvano e Timoteo; non foi sí e non; senón que foi sí en El.
20
Pois tódalas promesas de Deus en El son sí; e en El amén, para nós darlle a gloria a Deus.
21
Pero o que nos confrma con vós no Mesías, e o que nos unxiu, é Deus,
22
que nos selou e nos deu coma garante ao Espírito nos nosos corazóns.
23
Mais eu invoco a Deus por testemuña sobre a miña alma, de que por cautela, aínda non fun a Corinto.
24
Non é que sexamos donos da vosa fe, senón que compartimos a vosa alegría, pola fe que mantedes.