14
Mais falándolles eles á xente, botáronselles enriba os sacerdotes, o capitán do templo, e os saduceos,
2
amolados, porque ensinaban ás xentes, e anunciaban en Xesús a resurreción dos mortos.
3
Botáronlles man e metéronos no cárcere ata o día seguinte, xa que se estaba facendo tarde. Pero moitos dos que escoitaran a mesaxe, creron, chegando a ser como cinco mil homes.
5
E ao día seguinte reuníronse en Xerusalén os seus gobernantes, anciáns e escribas:
6
Anás o sumo sacerdote, Caifás, Xoan e Alexandre, e todos os que eran da linaxe dos sumos sacerdotes.
7
E poñéndoos no medio deles, preguntábanlles: con que poder, ou en que nome, fixestes isto?
8
Entón Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles: gobernantes e anciáns do pobo,
9
se nos estades a investigar por mor do beneficio feito a un home enfermo que foi curado,
10
sabede todos vós, e todo o pobo de Israel, que foi no nome de Xesús o Nazareno, o Mesías, a quen vós crucificastes e a quen Deus resucitou de entre os mortos, por El, e que podedes ver curado a este home diante de vós.
11
Éste é a pedra menosprezada por vosoutros os constructores, e que se convertiu en cabeza angular.
12
E en ningún outro hai salvación, porque non hai outro nome baixo o ceo dado ás persoas, no que poidamos ser salvos.
13
Ao veren a seguridade de Pedro e de Xoan, decatándose de que eran homes sen letras nen preparación, quedaban abraiados, e recoñecían que era porque eles estiveran con Xesús.
14
E vendo en pé onda eles ao home que fora curado, non podían contradecilos en nada.
15
Mandáronos fóra do consello, e deliberaban entre eles,
16
dicindo: que faremos con estes homes? porque certamente este milagre notable foi feito por medio deles, manifesto en toda Xerusalén, e non podemos negalo.
17
Pero para que non se espalle máis entre a xente, ameacémolos para que non falen a ninguén máis nese nome.
18
Chamáronos e prohibíronlles falar ou ensinar no nome de Xesús.
19
Pero Pedro e Xoan respondendo, dixeron: Xulgade vós mesmos se é xusto diante de vós obedecervos a vós antes que a Deus;
20
porque nós non podemos calar o que vimos e escoitamos.
21
E eles, logo de ameazalos de novo, deixáronos ir, non vendo a forma de castigalos, por mor da xente, porque todos glorificaban a Deus polo acontecido;
22
porque o home que recibira este milagre de sanidade tiña máis de corenta anos.
23
Cando foron postos en liberdade, foron canda os deles e contaron todo o que os sumos sacerdotes e os anciáns lles dixeran.
24
Ao oír tales cousas, todos á vez levantaron a voz a Deus e dixeron: Señor Soberano, ti es quen fixeches o ceo e a terra, o mar e todo o que hai neles,
25
o que polo Espírito Santo, por boca do noso pai David, o teu servo, dixeches: por que se rebelan as nacións, e a xente pensa en cousas baleiras?
26
Os reis da terra xuntáronse e reuníronse os gobernantes a unha contra o Señor e contra o seu Cristo.
27
De certo, nesta vila aliáronse tanto Herodes coma Poncio Pilato, xuntamente cos xentís e as xentes de Israel, en contra do teu Santo Servo Xesús, a quen unxiches,
28
para facer todo o que a túa man e a túa vontade dispuxeron que sucedera.
29
Agora, Señor, ten en conta as súas ameazas, e permite que os teus servos falen a tua mesaxe con toda seguridade,
30
mentres estendes a túa man para que sexan feitas curacións, milagres e marabillas mediante o nome do teu Santo Servo Xesús.
31
E tendo orado, o lugar onde estaban reunidos, tremeu, e foron todos cheos do Espírito Santo, e falaban a palabra de Deus con afouteza.
32
A multitude dos que creron eran dun mesmo corazón e unha alma; e ningún consideraba de seu o que posuía, senón que todas as cousas eran de propiedade común.
33
Con gran poder os apóstolos daban testemuña da resurreción do Señor Xesús, e había gracia abundante sobre todos eles.
34
Non había ningunha persoa necesitada entre eles, porque todos os que posuían casas ou terras, vendíanas,
35
e traían os cartos e os poñían a disposición dos apóstolos, e era distribuído segundo as necesidades de cadaquén.
36
E Xosé, un levita natural de Chipre, ao que tamén chamaban Bernabé ( que traducido é fillo de consolación ),
37
posuía un campo e vendeuno, e trouxo os cartos e púxoos a disposición dos apóstolos.