Capítulo 1

1 Paulo, un apóstolo de Xesús o Mesías pola vontade de Deus, e o irmán Timoteo, á igrexa de Deus que está en Corinto, xunto con tódolos santos que estades en Acaia; 2 graza e paz a vós, de Deus noso Pai e do Señor Xesús, o Mesías. 3 Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús, o Mesías, Pai das misericordias e de toda consolación. 4 Quen nos consola en tódalas nosas dificultades, para que nós poidamos consolar aos que están pasando calquera dificultade, co consolo co que nós mesmos somos consolados por Deus. 5 Porque así como abundan en nós os sufrimentos de Cristo, así abunda tamén o noso consolo por medio de Cristo. 6 Pero se somos aflixidos, é para vosa consolación e salvación; ou se somos consolados, é para consolación vosa, obrando na paciencia dos mesmos padecementos que nós padecemos. 7 E a nosa esperanza sobre vós é firme, sabendo que como sodes copartícipes dos sofrimentos, tamén o sodes da consolación. 8 Porque non queremos que ignoredes, irmáns, sobre a persecución que tivemos en Asia, porque fomos oprimidos e angustiados moito máis aló das nosas forzas, mesmo que case perdemos a esperanza de sobrevivir. 9 De feito, dentro de nós tivemos sentenza de morte, para que non confiáramos en nós mesmos, senón en Deus que resucita aos mortos, 10 quen nos rescatou de tan grande morte, e libraranos; e en quen agardamos, e aínda nos librará; 11 colaborando vós coas vosas oracións para connosco, para que moitas persoas dean grazas a Deus por nós, pola liberación que nos foi dada por medio de moitos. 12 Porque a nosa gloria é esta: o testemuño da nosa conciencia, que coa sinceridade e santidade de Deus, non con sabedoría humana, senón coa graza de Deus, nos conducimos no mundo, e moito máis cara vós. 13 Porque non vos escribimos cousa algunha, senón o que ledes e entendedes, e agardo comprendades enteiramente; 14 como tamén entendestes en parte que somos vosa gloria, e tamén vós sódela nosa no día do Señor Xesús. 15 E foi con esta confianza coa que me propuxen ir primeiro a vós, para que tiverades o beneficio dunha segunda ocasión, 16 e logo de visitarvos, pasar a Macedonia, e de Macedonia volver canda vós, e ser encamiñado por vós na miña viaxe a Xudea. 17 Así que, por propoñerme tal cousa, fun inestable? Ou as cousas que me propoño na miña carne, son para poder dicir "si, si" e "non, non" ao mesmo tempo? 18 Pero Deus é fiel, que a nosa palabra para con vós non é si e non. 19 Pois o Fillo de Deus, Xesús Cristo, que foi predicado por nós entre vosoutros; por min, por Silvano e Timoteo; non foi si e non; senón que foi si nel. 20 Pois tódalas promesas de Deus nel son si; e nel amén, para nós darlle a gloria a Deus. 21 Pero o que nos confrma con vós no Mesías, e o que nos unxiu, é Deus, 22 que nos selou e nos deu como garante o Espírito nos nosos corazóns. 23 Mais eu invoco a Deus por testemuña sobre a miña alma, de que por cautela, aínda non fun a Corinto. 24 Non é que sexamos donos da vosa fe, senón que compartimos a vosa alegría, pola fe que mantedes.