1
E vin na man dereita do que estaba sentado no trono un pergamiño escrito por dentro e por fóra, pechado con sete selos.
2
E vin un anxo forte que pregoaba a grande voz: quen é digno de abrir o pergamiño e desatar os seus selos?
3
E ninguén, nin no ceo nin na terra nin baixo da terra, podía abrir o pergamiño, nin miralo.
4
E choraba eu moito, porque non se atopou ninguén digno de abrir o pergamiño, nin de miralo.
5
Entón dime un dos anciáns: -Non chores; mira, o León da tribo de Xudá, a Raíz de David, venceu para abrir o libro e os seus sete selos!
6
E vin no medio do trono e dos catro seres viventes, e no medio dos anciáns, un Año en pé, coma sacrificado, que tiña sete cornos e sete ollos, que son os sete espíritos de Deus mandados por toda a terra.
7
E veu e tomou o libro da man dereita do que estaba sentado no trono.
8
E cando tomou o pergamiño, os catro seres viventes e os vintecatro anciáns caeron rendidos diante do Año; con cadansúa cítara e tazóns de ouro cheos de incensos que son as oracións dos santos.
9
E cantan un novo canto, dicindo: -Digno es de tomar o pergamiño e de abrir os seus selos, porque ti fuches sacrificado, e co teu sangue redimiches para Deus a xente procedente de toda tribo, lingua, pobo e nación.
10
E fixeches deles un reino de sacerdotes para o noso Deus, e reinarán sobre a terra!
11
E mirando, escoitei a voz de moitos anxos arredor do trono, e dos seres vivintes e dos anciáns; e o número deles era unha multitude de milleiros e milleiros,
12
que dicían a grande voz: -Digno é o Año que foi inmolado, de tomar o poder, e a riqueza, e a sabedoría, e a forza e o honor, e a gloria e a loanza!
13
E a toda cousa creada que está no ceo, sobre a terra, baixo da terra e no mar, e a tódalas cousas que hai neles, escoitei dicir: -Ao que está sentado sobre o trono e ao Año sexa o louvor, e a honra e a gloria e o dominio por tólolos séculos.
14
E os catro seres viventes dicían: -Amén! E os anciáns axeonlláronse e adoraron.