Capítulo 2

1 Escribe ao anxo da igrexa en Éfeso: o que ten as sete estrelas na súa man dereita, o que anda entre os sete candeeiros de ouro, di isto: 2 sei das túas obras, o teu cansanzo e a túa perseveranza, e que non podes aturar os malos, e puxeches a proba aos que se chaman apóstolos e non son tal, e topáchelos mentireiros. 3 Tes perseveranza, e aturaches moito por mor do meu nome e non desfaleceches. 4 Mais teño isto na túa contra: que deixaches o teu primeiro amor. 5 Lembra, pois, de onde foi que caíches e arrepíntete, e fai as obras que fixeches ao principio; se non, virei a ti e quitarei o teu candeeiro do seu sitio, a non ser que te arrepintas. 6 Por outra banda tes isto, que aborreces as obras dos nicolaítas, obras que eu tamén aborrezo. 7 O que ten oído, escoite o que o Espírito di ás igrexas. Ao vencedor dareille a comer da árbore da vida, que está no paraíso de Deus. 8 Escribe ao anxo da igrexa en Esmirna: o primeiro e o derradeiro, o que estivo morto e voltou á vida, di isto: 9 Eu sei do teu padecemento e a túa pobreza (mais es rico), e a blasfemia dos que se din ser xudeus e non son tal, senón sinagoga de Satanás. 10 Non temas o que estás por sufrir. Velaí o diaño botará a algún de vós na cadea para serdes probados, e teredes padecemento por dez días. Sé fiel ata a morte, e Eu heiche dar a coroa da vida. 11 O que ten oído, escoite o que o Espírito di ás igrexas. O vencedor non sufrirá dano da morte segunda. 12 Escribe ao anxo da igrexa en Pérgamo: o que ten a espada aguda de dobre gume, di isto: 13 Eu sei onde moras, onde está o trono de Satanás. Gardas fielmente o meu nome e non negaches a miña fe, aínda nos días de Antipas, miña testemuña fiel, que foi morto entre vós, onde mora Satanás. 14 Pero teño na túa contra unhas poucas cousas, porque tes aí os que manteñen a doutrina de Balaám, que ensinaba a Balac a poñer atranco ante os fillos de Israel, a comer cousas sacrificadas aos ídolos e a fornicar. 15 Mesmo tes tamén algúns que sosteñen a doutrina dos nicolaítas. 16 Polo tanto, arrepíntete; se non, virei a ti axiña e pelexarei contra eles coa espada da miña boca. 17 O que ten oído, escoite o que o Espírito di ás igrexas. Ao vencedor dareille do maná agochado e dareille unha pedriña branca, e gravado na pedriña un novo nome, que ninguén coñece senón o que o recibe. 18 Escribe ao anxo da igrexa en Tiatira: o Fillo de Deus, que ten ollos coma chamas de lume, e os seus pés son semellantes ao bronce lustrado, di isto: 19 Eu sei das túas obras, o teu amor, a túa fe, o teu servizo e a túa perseveranza, e que as túas recentes obras son maiores que as primeiras. 20 Pero teño isto na túa contra: que admites a esa muller Xezabel, que se di ser profetisa, e ensina e seduce aos meus servos a que cometan actos inmorais e coman das cousas sacrificadas aos ídolos. 21 Deille tempo para arrepentirse, e non quere arrepentirse da súa inmoralidade. 22 Velaí a boto na cama, e en gran padecemento aos que adulteran con ela, a non ser que se arrepintan das obras dela. 23 E matarei os seus fillos con mala morte, e tódalas igrexas coñecerán que Eu son o que escudriño o máis profundo das mentes e dos corazóns, e heivos dar segundo as vosas obras. 24 Pero a vós, aos demais que están en Tiatira, aos que non teñen esta doutrina, que non coñeceron as cousas profundas de Satanás, como lles chaman eles, dígovos: non vos impoño outra carga. 25 Así e todo, o que tendes, retédeo ata que Eu veña. 26 E ao vencedor, o que garda as miñas obras ata a fin, heille dar autoridade sobre as nacións; 27 e ha de os pastorear con vara de ferro, coma os vasos do oleiro son feitos anacos, como Eu tamén recibín do meu Pai; 28 e heille dar a estrela da mañá. 29 O que ten oído, escoite o que o Espírito di ás igrexas.