1 Unha resposta suave afasta a ira, pero a palabra ferinte eleva o furor. 2 A lingua do sabio rebosa ciencia, pero a boca dos necios fala tolemias. 3 Os ollos de Iahveh están en todo lugar, observando os malos e os bos. 4 A lingua pacífica é árbore de vida, pero a perversa quebra o espírito. 5 O necio rexeita o consello do seu pai, pero o que acepta a reprensión faise sabio. 6 Na casa do xusto hai moitos bens, pero nas ganancias do malvado hai turbación. 7 Os beizos dos sabios esparcen o coñecemento, pero non así o corazón dos necios. 8 O sacrificio dos malvados é abominación para Iahveh, pero a oración dos rectos é o seu deleite. 9 Iahveh aborrece o camiño do malvado, pero ama o que segue a xustiza. 10 A disciplina severa é para o que abandona o camiño; o que aborrece a corrección morrerá. 11 O Sheol e o Abadón están diante de Iahveh, canto máis os corazóns de tódalas persoas! 12 O que se burla non ama a quen o reprende, nin se achega aos sabios. 13 Un corazón ledo fai o rostro máis fermoso, pero na tristura do corazón quebra o espírito. 14 O corazón intelixente busca a sabedoría, pero a boca dos necios aliméntase de necedade. 15 Tódolos días do aflixido son malos, pero o de corazón ledo ten un banquete continuo. 16 Mellor é o pouco co temor de Iahveh, que gran tesouro e turbación con el. 17 Mellor é un prato de legumes onde hai amor, que boi engordado onde hai odio. 18 O home irascible provoca liortas, pero o que é lento para anoxarse aplaca as contendas. 19 O camiño do preguiceiro é coma un muro de espiños, pero o vieiro dos rectos é chá. 20 Un fillo sabio alegra a seu pai, pero o home necio é a deshonra da súa nai. 21 A necedade divirte o que non ten entendemento, mais a persoa intelixente anda en rectitude. 22 Sen consello, os plans fracasan, pero con moitos conselleiros, triunfan. 23 Que ledicia saber qué respostar! A palabra oportuna é sempre boa! 24 O vieiro da vida para o sabio é cara arriba, para que se aparte do Sheol que está embaixo. 25 Iahveh arrinca a casa dos soberbios, pero plantará a herdade da viúva. 26 Abominación para Iahveh son os plans perversos, pero as palabras agradables sonlle puras. 27 O que consegue ganancias deshonestas perturba a súa casa, pero o que aborrece o suborno, vivirá. 28 O corazón honrado medita cómo responder, pero a boca dos malvados fala as cousas malas. 29 Iahveh está lonxe dos malvados, pero escoita a oración dos xustos. 30 A mirada chea de paz alegra o corazón, e as boas novas fortalecen os ósos. 31 O oído que escoita a reprensión sana, habitará entre os sabios. 32 Quen rexeita a corrección menospreza a súa alma, quen escoita a reprensión gaña sentidiño. 33 O temor de Iahvhé é a escola da sabedoría, e antes da gloria está a humildade.