1
Xudas, servo de Xesús Cristo e irmán de Xacobe, aos chamados amados de Deus o Pai, e gardados para Xesús Cristo:
2
que a misericordia, a paz e o amor vos sexan multiplicados.
3
Amados, mentres facía o máximo esforzo en vos escribir sobre a nosa común salvación, eu tiña que dirixirme a vós para animarvos a loitar de xeito esforzado pola fe que unha vez foi dada aos crentes.
4
Pois sen decatarvos introducíronse entre vós, certas malas persoas apuntadas para a condenación. Aqueles que pervirten a graza do noso Deus e rexeitan a Xesús Cristo, o noso único Señor e Soberano.
5
Quérovos lembrar, aínda que todas estas cousas as tedes ben sabidas, que o Señor logo de salvar o seu pobo, liberándoo da escravitude de Exipto, acabou con aqueles que non creran.
6
E tamén aos anxos que non gardaron a súa integridade e abandonaron a súa propia morada, mantenos na escuridade, en cadeas eternas ata o gran día do xuízo.
7
Do mesmo xeito ca Sodoma e Gomorra e as cidades veciñas que, tal como aquelas, se entregaron á inmoralidade sexual e a vicios e desexos contra a natureza. Eles serven como exemplo do castigo do lume eterno.
8
Igualmente, tamén eles están a matinar coas súas visións e contaminan os seus corpos, rexeitando a autoridade e blasfemando contra as autoridades celestiais.
9
Mais o arcanxo Miguel, cando loitaba co demo discutindo sobre o corpo de Moisés, non se atreveu a aldraxalo, senón que dixo: "Que o Señor te reprenda".
10
Pero estes, maldín o que non entenden, e corrómpense nas cousas que comprenden coma se fosen animais irracionais.
11
Pobres deles! Seguiron o camiño de Caín e pola cobiza caeron no erro de Balaam, perecendo na revolta de Coré.
12
Estes son os que deshonran as vosas festas de amor fraterno, cébanse sen temor algún, porque só pensan en si mesmos; son nubes sen auga levadas polos ventos, árbores de outono sen froito algún, mortos unha e outra vez, arrincados de raíces,
13
ondas violentas do mar que cuspen como escuma os seus actos vergoñentos, estrelas errantes para as que a escuridade e as tebras están reservadas para sempre!
14
Deles profetizou Henoc, o sétimo despois de Adán, dicindo: "O Señor vén con milleiros dos seus santos
15
para executar o xuízo sobre todos, e para convencer a todos os malvados polas obras malas que fixeron dun xeito ruín, e de tódalas inxurias que falaron contra El eses impíos pecadentos".
16
Eles son murmuradores, andan queixándose sempre, viven tal como lles peta e a súa boca ábrese só para falar palabras abraiantes, gabando ás persoas para obteren ganancias deshonestas.
17
Mais vós, benqueridos irmáns, lembrádevos das palabras ditas polos apóstolos de Xesús Cristo, noso Señor.
18
Eles dixéronvos: nos tempos derradeiros xurdirán persoas que se burlarán de todo, vivindo segundo as súas propias cobizas.
19
Estes son os que causan divisións, os mundanos, os que non teñen o Espírito.
20
Pero vós, queridiños, edificade a vosa vida na fe santa, orando no Espírito Santo,
21
conservádevos no amor de Deus, agardando sempre a misericordia de Xesús Cristo, noso Señor, que vos dá a vida eterna.
22
Tede compaixón dos que dubidan;
23
pero salvade a outros arrincándoos do lume. E tede misericordia doutros, aínda que con temor, aborrecendo aínda a roupa contaminada polos seus vicios.
24
E a Aquel que é poderoso para vos gardar sen caer e presentarvos sen mancha diante da súa gloria cheos de ledicia,
25
ao único Deus, o noso Salvador, sexa a gloria, a maxestade, a autoridade e o poder, por medio de Xesús Cristo, noso Señor, dende antes de tódolos séculos, agora e por sempre, amén.