Capítulo 46

1 Palabra de Iahveh que veu ao profeta Xeremías sobre as nacións. 2 Acerca de Exipto: sobre o exército do Faraón Necao, rei de Exipto, que estaba xunto ao río Éufrates en Carquemis, ao que derrotou Nabucodonosor, rei de Babilonia, no ano cuarto de Ioacim, fillo de Iosías, rei de Xudá: 3 Preparade escudo e pavés, e avanzade cara a batalla. 4 Preparade os cabalos, montade os vosos xinetes e presentádevos cos cascos postos. Brunide as lanzas, vestide as coirazas. 5 Pero que é o que vexo? Están aterrorizados, recúan os seus valentes baténdose derrotados; na fuxida buscan refuxio sen mirar atrás. Hai terror por todas partes, di Iahveh. 6 Que o lixeiro non fuxa, nin salve a valentía! No norte, xunto ao río Éufrates, tropezan e caen! 7 Quen é este que sobe coma o Nilo e axita as augas coma os ríos? 8 Que di: Medrarei, e inundarei a terra, destruirei as cidades e os seus moradores? É Exipto, que medra coma o Nilo e as súas augas axítanse coma os ríos, 9 Avanzade cabalos, e correde furiosos, carros, para que se poñan en marcha os valentes! Etíopes e libios que manexan o escudo, e os libios que entesan o arco. 10 Porque ese día é para Iahveh, Deus dos exércitos, día de vinganza, para vinganza dos seus inimigos. A espada devora e embebédase co seu sangue; pois haberá unha matanza para Iahveh o Señor, Deus dos exércitos, na terra do norte, xunto ao río Éufrates. 11 Subide a Galaad e conseguide bálsamo, oi virxe, filla de Exipto! En balde multiplicaches os remedios; non hai curación para ti. 12 Escoitaron as nacións a túa vergoña, e o teu clamor encheu a terra; porque tropezou o valente co valente, e xuntos caeron os dous. 13 Palabra que Iahveh falou ao profeta Xeremías sobre a chegada de Nabucodonosor, rei de Babilonia, para ferir a terra de Exipto: 14 Anunciádeo en Exipto e facédeo oír en Migdol! Facédeo saber en Menfis e en Tafnes! Dicide: Ponte de pé e prepárate, porque a espada está a devorar os que te rodean! 15 Por que quedou prostrado Apis? Non permaneceu de pé porque o empurrou Iahveh.. 16 E fixo tropezar a moitos: en verdade, caeron un sobre o seu compañeiro, ata que dixeron: Temos que erguernos e fuxir da espada destrutora! Volvamos ao noso pobo e á nosa terra natal! 17 E alí alcumaron o rei de Exipto: Faraón, ruxido inoportuno! 18 Como vivo Eu, di o Rei que o seu nome é Iahveh dos exércitos, que certamente como se distingue o Tabor entre os montes, e o Carmelo érguese xunto ao mar, así virá el. 19 Prepara a túa roupa para o deserto, filla que moras en Exipto! Menfis será convertida en desolación, será arrasada ata non quedar ninguén. 20 Exipto é unha moza fermosa, pero un moscón do norte vén sobre ela, de certo. 21 Os seus mercenarios tamén eran no medio dela coma becerros engordados, mais agora dánlle as costas e fuxiron a unha, non resistiron nos seus postos; porque o día da súa calamidade veu sobre eles, a hora do seu castigo. 22 Escoitádea, asubiando coma unha serpe, pois os inimigos avanzan; invádena con machados, coma madeireiros veñen contra ela. 23 Talan os seus bosques -di Iahveh, aínda que sexan moitos e incontables, aínda que sexan máis numerosos que as lagostas. 24 A filla de Exipto é avergoñada, e entregada ao poder do pobo do norte. 25 Di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: "Velaquí, Eu castigo a Amón, o deus de Tebas, a Exipto xunto cos seus deuses e os seus reis; a Faraón e aos que confían nel. 26 E entregareinos nas mans dos que buscan a súa vida, nas mans de Nabucodonosor, rei de Babilonia, e nas mans dos seus servos. Mais despois será habitado como nos días de antes, di Iahveh. 27 Pero ti non temas, meu servo Xacob, non desmaies, Israel! Porque velaí, heite traer de lonxe san e salvo, e á túa descendencia da terra da súa catividade. Xacob volverá, e estará tranquilo e será prosperado, e non haberá quen o faga temer. 28 Ti non temas, meu servo Xacob - di Iahveh - porque Eu estou contigo; exterminarei a todalas nacións onde te expulsei, pero non acabarei contigo, senón que te corrixirei con xustiza; de ningún xeito te deixarei sen castigo.