Capítulo 1

1 Xacobe, servo de Deus e do Señor Xesús Cristo, ás doce tribus dispersas: saúdos. 2 Tédevos por moi ditosos, meus irmáns, cando vos vexades rodeados por todo tipo de probas, 3 sabendo que a proba da vosa fe produce paciencia, 4 e que a paciencia complete a súa obra, para que sexades perfectos e cabais e non vos falte de nada. 5 E se algún de vós precisa sabedoría, pídalla a Deus, quen lla dá a todos dabondo e sen reproche, e seralle dada. 6 Pero que a pida con fe, non dubidando, porque o que dubida é coma unha onda do mar movida polo vento dun lado a outro. 7 Non pense o tal que ha recibir cousa algunha do Señor, 8 sendo indeciso e inconstante en todos os seus camiños. 9 Que o irmán de condición humilde se gloríe na súa dignidade, 10 mais o que é rico na súa humillación, porque pasará coma a flor da herba. 11 Porque o sol saíu con calor abrasante e secou a herba, e a súa flor caeu, perecendo a súa fermosura. Do mesmo xeito murchará o rico no medio das súas empresas. 12 Ditoso o varón que soporta a proba, porque ao superala, obterá a coroa da vida que Deus prometeu a aqueles que o aman. 13 Ninguén pode dicir: "eu son tentado por Deus", porque Deus non pode ser tentado polo mal, nin El mesmo tenta a ninguén. 14 Senón que cada un é tentado cando é atraído e seducido polos seus propios desexos. 15 Daquela a cobiza concibe o pecado, e este dá a luz morte. 16 Amados irmáns meus, non vos enganedes. 17 Todo bo agasallo e don perfecto vén dende as alturas, descende do Pai das Luces, no que non hai cambio nin sombra de variación. 18 El, na súa vontade, fíxonos nacer pola palabra da verdade para que fósemos as primicias das súas criaturas. 19 Sabede meus amados irmáns: toda persoa sexa pronta para escoitar, calma para falar, e lenta para a ira; 20 pois na ira de cadaquén non obra a xustiza de Deus. 21 Polo tanto, desbotando toda inmundicia e todo resto de malicia, recibide con humildade a palabra que vos foi dada, que pode salvar as vosas almas. 22 Pero sede cumpridores da palabra, non vos quededes só con escoitala, enganándovos a vós mesmos. 23 Porque se alguén escoita a palabra e non a cumpre é coma un home que se ve reflictido nun espello; 24 porque aínda mirándose nel, vírase e axiña se esquece de como se viu. 25 Pero o que observa minuciosamente na lei perfecta, a lei da liberdade, e persevera nela; non sendo oínte que se esquece, senón alguén que quere poñela por obra, será ditoso no que fai. 26 Se algún pensa que é relixioso e non controla a súa lingua, engana o seu corazón, e a súa relixión é va. 27 A relixión pura e verdadeira diante do noso Deus e Pai é a seguinte: visitar os orfos e as viúvas nas súas aflicións, e gardarse sen a contaminación deste mundo.