Capítulo 1

1 Deus, en tempos pasados, en moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando aos pais polos profetas, 2 e nestes últimos días, falounos polo seu Fillo, a quen constituíu herdeiro de tódalas cousas, por medio de quen tamén fixo o universo; 3 El é o resplandor da súa gloria e a imaxe exacta do seu ser, e sostén tódalas cousas pola palabra do seu poder. Despois de levar a cabo a purificación dos pecados, sentouse á dereita da Maxestade de Deus nas alturas, 4 feito moito máis superior que os anxos, xa que herdou un nome máis excelente que o deles. 5 Porque a cal dos anxos dixo Deus algunha vez: "Es o meu fillo, eu enxendreite hoxe", e outra vez: "Eu serei o seu Pai, e El será o meu Fillo"? 6 E outra vez, cando trae o Primoxénito ao mundo, di: "Adóreno tódolos anxos de Deus". 7 E dos anxos di: "O que fai aos seus anxos, espíritos, e aos seus ministros, lapas de lume". 8 Mais do Fillo di: "O teu trono, oh Deus, é polos séculos, e o cetro da rectitude é o cetro do teu reino. 9 Amaches a xustiza e aborreciches a iniquidade; polo que Deus, o teu Deus, unxiute co óleo da alegría máis que aos teus compañeiros". 10 E: "Ti, Señor, no principio cimentaches a terra, e os ceos son feitura das túas mans; 11 eles pasarán, mais ti permaneces; e todos eles se han desgastar como a roupa, 12 e os has enrolar como se fosen un manto; e cambiarán coma se fosen roupa. Mais ti es o mesmo e os teus anos non terán fin". 13 Pois, a cal dos anxos dixo algunha vez: "Senta á miña dereita ata que poña os teus inimigos por estrado para os teus pés"? 14 Non son eles espíritos ministradores, mandados para servir os que han herdar a salvación?