Capítulo 9

1 Entón Iahveh díxolle a Moisés: vai a Faraón e dille: “así di Iahveh, o Deus dos hebreos: ‘deixa marchar o meu pobo para que me sirva. 2 Porque se te negas deixalos marchar e os segues a deter, 3 velaí, a man de Iahveh ha vir con gravísima pestilencia sobre os teus gandos que están no campo: sobre os cabalos, sobre os burros, sobre os camelos, sobre as vacadas e sobre as ovellas. 4 Mais Iahveh fará distinción entre os gandos de Israel e os gandos de Exipto, e nada vai perecer de todo o que pertence aos fillos de Israel.’” 5 E Iahveh fixou un prazo definido, dicindo: mañá Iahveh fará isto na terra. 6 E Iahveh fixo isto ao día seguinte, e pereceron tódolos gandos de Exipto; pero dos gandos dos fillos de Israel, nin un só animal morreu. 7 E Faraón mandou mirar, e velaí, nin un só animal dos gandos de Israel perecera. Pero o corazón de Faraón endureceuse e non deixou marchar o pobo. 8 Entón Iahveh díxolles a Moisés e a Aarón: collede mancheas de borra dun forno, e que Moisés a espalle cara o ceo na presenza de Faraón; 9 e hase converter en po fino sobre toda a terra de Exipto, e producirá furunchos que han rebentar en úlceras nos homes e nos animais, por toda a terra de Exipto. 10 Colleron, pois, borra dun forno, e presentáronse diante de Faraón, e Moisés lanzouna cara ao ceo, e produciu furunchos que resultaron en úlceras nos homes e nos animais. 11 E os magos non podían estar diante de Moisés a causa dos furunchos, pois os furunchos estaban tanto nos magos como en tódolos exipcios. 12 E Iahveh endureceu o corazón do Faraón e non os escoitou, tal coma Iahveh lle dixera a Moisés. 13 Entón díxolle Iahveh a Moisés: érguete moi cedo, e ponte diante de Faraón, e dille: “así di Iahveh, o Deus dos hebreos: ‘deixa marchar o meu pobo para que me sirva. 14 Porque esta vez hei mandar tódalas miñas pragas sobre ti, sobre os teus servos e sobre o teu pobo, para que saibas que non hai outro coma min en toda a terra. 15 Porque se eu tivera estendido a miña man e tivérate ferido a ti e o teu pobo con pestilencia, xa terías sido cortado da terra. 16 Pero certamente, por esta razón permitinche permaneceres : para te amosar o meu poder e para proclamar o meu nome por toda a terra. 17 E aínda te enalteces contra o meu pobo non os deixando ir. 18 Velaí, mañá coma a esta hora, hei mandar pedrazo moi pesado, tal coma non houbo en Exipto dende o día que se fundou até agora. 19 Manda poñer a salvo os teus gandos e todo o que tes no campo, porque todo home e todo animal que se atope no campo, e non se refuxien na casa, morrerán cando caia sobre eles a sarabia.’” 20 O que de entre os servos de Faraón tivo medo da palabra de Iahveh, fixo poñer a salvo os seus servos e os seus gandos nas súas casas. 21 Pero o que non fixo caso á palabra de Iahveh, deixou os seus servos e os seus gandos no campo. 22 E Iahveh díxolle a Moisés: estende a túa man cara ao ceo para que caia pedrazo en toda a terra de Exipto, sobre os homes, sobre os animais e sobre toda planta do campo por toda a terra de Exipto. 23 E estendeu Moisés a súa vara cara ao ceo, e Iahveh mandou lóstregos e pedrazo, e caeu lume sobre a terra de Exipto. 24 E houbo sarabia moi intensa, e lume tremelucindo deseguido en medio do pedrazo, moi pesado, tal coma non houbera en toda a terra de Exipto dende que chegara a ser unha nación. 25 E o pedrazo feriu todo o que había no campo por toda a terra de Exipto, tanto homes coma animais; a sarabia feriu tamén toda planta do campo, e botou abaixo tódalas árbores do campo. 26 Só na terra de Gosén, onde estaban os fillos de Israel, non houbo pedrazo. 27 Entón Faraón mandou chamar a Moisés e Aarón e díxolles: esta vez pequei; Iahveh é xusto, e eu e o meu pobo somos os impíos. 28 Rogade a Iahveh, porque xa houbo lóstregos e pedrazo abondo de parte de Deus; e vouvos deixar marchar e non quedaredes máis aquí. 29 E Moisés díxolle: tan pronto coma eu saia da cidade, estenderei as miñas mans a Iahveh; os lóstregos cesarán, e non haberá máis sarabia, para que saibas que a terra é de Iahveh. 30 En canto a ti e aos teus servos, sei que aínda non temedes a Iahveh Deus. 31 Deste xeito o liño e o orxo foron estragados, pois o orxo estaba en espiga e o liño estaba en flor; 32 pero o trigo e o centeo non foron destruídos, por seren tardíos. 33 Máis tarde saíu Moisés da cidade, da presenza de Faraón, e estendeu as súas mans a Iahveh, e os lóstregos e o pedrazo pararon, e non caeu máis choiva sobre a terra. 34 Mais cando Faraón viu que a choiva, a sarabia e os lóstregos pararan, pecou de novo, e endureceu o seu corazón, tanto el coma os seus servos. 35 E endureceuse o corazón de Faraón e non deixou marchar aos fillos de Israel, tal coma Iahveh dixera por medio de Moisés.