Capítulo 32

1 Vendo o pobo que Moisés se demoraba en baixar do monte xuntouse ó redor de Aarón e díxolle: ‑"Anda, fainos un deus que vaia diante de nós, pois ese Moisés, o home que nos sacou da terra de Exipto, non sabemos que foi del". 2 E Aarón díxolles:"Quitade os pendentes de ouro das orellas das vosas mulleres, fillos e fillas, e traédemos". 3 Entón todo o pobo quitou os pendentes de ouro que tiñan nas orellas, e leváronos a Aarón. 4 E el recibiunos das súas mans, deulles forma con buril, e fixo un becerro do metal fundido ..E eles dixeron: ‑"Este é o teu deus, Israel, que te sacou da terra de Exipto". 5 En vendo isto Aarón, construíu un altar diante do becerro. E proclamou: ‑"Mañá será festa para Iahveh". 6 E ao día seguinte levantáronse cedo e ofreceron holocaustos e trouxeron ofrendas de paz; e o pobo sentouse para comer e beber, e levantouse para alegrarse. 7 Entón Iahveh dixo a Moisés: "Baixa axiña, porque o teu pobo, que sacaches da terra de Exipto, corrompeuse". 8 Desviáronse axiña do camiño que eu lles mandei. Fixéronse un becerro de fundición, e adorárono, ofrecéronlle sacrificios e dixeron: "Este é o teu deus, Israel, o que te sacou da terra de Exipto". 9 E Iahveh dixo a Moisés: "Vin que este pobo ten dura cerviz . 10 Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero de ti farei unha gran nación". 11 Entón Moisés rogou diante de Iahveh o seu Deus, e dixo: Oh Señor, por que arde a túa ira contra o teu pobo, que sacaches da terra de Exipto con gran poder e con man forte? 12 Por que haberían dicir os exipcios,: "Sacounos con malas intencións, para matalos nas montañas e para exterminalos da face da terra"? Vólvete atrás da túa ira e renuncia a facer dano ao teu pobo. 13 Lembra ós teus servos Abraham, Isaac e Israel, ós que con xuramento dixeches: "Multiplicarei a vosa descendencia como as estrelas do ceo, e toda esta terra da que falei, darei aos vosos descendentes, e eles a herdarán para sempre." 14 E Iahveh renunciou a facer o mal que dixera que faría ao seu pobo. 15 Entón Moisés baixou do monte coas dúas táboas do testemuño na súa man, escritas por ambos os dous lados. 16 E as táboas eran obra de Deus, e a escritura era escritura de Deus, gravada nas táboas. 17 En oíndo Xosué a algueirada do pobo, díxolle a Moisés: ‑"Óense berros de loita no campamento". 18 Moisés respondeulle: ‑"Non son aturuxos de vitoria, nin salaios de derrota, senón que oio cantos" 19 E aconteceu que cando chegou ao campamento e viu o becerro e as danzas, Moisés anoxouse moito, botou as táboas das súas mans e e esnaquizounas ao pé do monte. 20 Logo agarrou o becerro que fixeran, queimouno no lume e moeuno ata convertelo en po, espallouno na auga, e fixo que os fillos de Israel o beberan. 21 Entón Moisés díxolle a Aarón:"¿Que che fixo este pobo, para que trouxeses sobre el un pecado tan grave? 22 Respondeulle Aarón: ‑"Que non se anoxe o meu señor; ti coñeces a este pobo, que é inclinado ó mal. 23 Porque me dixeron: "Fainos un deus que vaia diante de nós, pois non sabemos que foi dese Moisés, o home que nos sacou de Exipto," 24 E eu díxenlles: "Quen teña ouro, que o quite. "E déronmo , e eu fundino, e saiu este becerro" 25 Vendo Moisés que o pobo estaba desbocado, pois deixárao desbocarse Aarón, expoñéndoo á burla dos seus inimigos, 26 púxose á entrada do campamento e dixo: ‑"¡Comigo os que están polo Señor!" E xuntáronse con el todos os fillos de Leví. 27 E díxolles: "IAsí di Iahveh, o Deus de Israel: Cinguide cada un a súa espada, ide e vide de porta en porta polo campamento e que cada un mate ó seu irmán, ó seu amigo, ó seu veciño". 28 E os fillos de Leví fixeron segundo a palabra de Moisés; e uns tres mil homes do pobo caeron ese día. 29 E díxolle Moisés: "Consagrádevos hoxe a Iahveh porque cada un estivo contra o seu fillo e contra o seu irmán, para que hoxe El vos dea unha bendición". 30 E sucedeu que ao día seguinte dixo Moisés ao pobo: ‑"Cometestes un grave pecado. Agora subirei onda Iahveh, quizais poida facer expiación polo voso pecado". 31 Entón volveu Moisés onda Iahveh e dixo: ‑"Ay! este pobo cometeu un grave pecado: fíxose un deus de ouro. 32 Pero agora, se é a túa vontade, perdóalles o pecado, e senón, bórrame a min tamén do libro que escribiches". 33 E Iahveh dixo a Moisés: Borrarei do meu libro a quen pecou contra min. 34 Pero agora vai e leva o pobo onde che mandei. Velaquí, o meu anxo irá diante de ti, pero o día que os visite, castigareinos polo seu pecado. 35 E Iahveh feriu ao pobo por veneraren o becerro que lles fixera Aarón.