Capítulo 1

1 Palabras do predicador, fillo de David, rei en Xerusalém. 2 Vaidade de vaidades dicía o predicador, vaidade de vaidades, todo é vaidade. 3 Que proveito reciben as persoas de todo o traballo que fan debaixo do sol? 4 Unha xeración vai e outra xeración vén, pero a terra segue sempre igual. 5 Sae o sol e ponse o sol, ao seu lugar vai apresa, e dalí sae de novo. 6 Sopra o vento cara o sur e xira cara o norte e vai xirando e xirando vai; e sobre os seus xiros o vento regresa. 7 Todos os ríos van cara o mar, e o mar non se enche; ao lugar onde van os ríos, alí seguen indo. 8 Todas as cousas fatigan, máis do que a xente pode expresar. Non se cansa o ollo de ver nin o ouvido de ouvir. 9 O que foi, iso ha de ser, e o que se fixo, ha se facer outra vez, nada novo hai debaixo do sol. 10 Hai algo que se poida dicir: Olla, isto é novo? Xa existía en séculos antes ca nós. 11 Non hai memoria das primeiras cousas nin das últimas que acontecerán; non haberá memoria delas nos que virán despois. 12 Eu, o predicador, fun rei sobre Israel en Xerusalém. 13 E apliquei o meu corazón en buscar e investigar con sabedoría, todo o que se fixera debaixo do ceo, dolorosa tarefa dada por Deus aos fillos dos homes para ser aflixidos con ela. 14 Vin todas as obras que se fixeron debaixo do sol, e velaí, todo é vaidade e correr detrás do vento. 15 O torto non se pode endereitar, e o que falta non se pode contar. 16 Eu falei ao meu corazón dicindo: Velaí, eu engrandecín e aumentei a sabedoría máis que todos os que estiveron antes ca min en Xerusalém; o meu corazón experimentou moita sabedoría e coñecemento. 17 E apliquei o meu corazón en coñecer a sabedoría e coñecer a loucura e a insensatez; decateime que isto tamén é correr detrás do vento. 18 Porque na moita sabedoría hai moita anguria e quen aumenta o coñecemento aumenta a súa dor.