1 Terás coidado de pór por obra todos os mandamentos que eu che ordeno hoxe, para que vivades e vos multipliquedes, entredes e tomedes posesión da terra que Iahveh xurou dar a vosos pais. 2 E lembrarás todo o camiño por onde Iahveh o teu Deus te trouxo estes corenta anos polo deserto, para humillarte e probarte, a fin de saberes o que había no teu corazón, se gardarías ou non os seus mandamentos. 3 Por iso El aflixiute, deixoute pasar fame, para alimentarte co maná que ti non coñecías, nin os teus pais coñeceran, para facerche saber que o home non só vive de pan, senón que as persoas viven de todo o que sae da boca de Iahveh. 4 A túa roupa non se gastou sobre ti, nin se inchou o teu pé durante estes corenta anos. 5 Polo tanto, recoñece no teu corazón que así como un home disciplina a seu fillo, así Iahveh o teu Deus te disciplina. Iahveh corrixiute coma un pai corrixe a seu fillo. 6 Gardarás, pois, os mandamentos do Señor, para andares nos seus camiños e para temelo. 7 Porque Iahveh o teu Deus condúcete a unha terra boa, a unha terra de correntes de auga, de fontes e mananciais que flúen por vales e outeiros, 8 unha terra de trigo e de orxo, de viñas, de figueiras e milgrandas, unha terra de aceite, de oliveiras e de mel. 9 Unha terra na que comerás o pan sen escaseza, onde non che ha faltar nada, unha terra na que as pedras son ferro e na que dos seus montes poderás sacar cobre. 10 Cando teñas comido ata te fartar, bendicirás a Iahveh o teu Deus pola boa terra que che deu. 11 Gárdate de non esquecer a Iahveh o teu Deus deixando de cumprir os seus mandamentos, as súas ordenanzas e os seus estatutos que eu che mando hoxe, 12 non sexa que cando teñas comido ata quedar farto, e teñas construído boas casas e vivas nelas, 13 e cando as túas vacas e as túas ovellas se multipliquen, a túa prata e o teu ouro se multipliquen, e medre todo canto que teñas , 14 entón o teu corazón se ensoberbeza e esquezas a Iahveh o teu Deus que te sacou da terra de Exipto, da casa de servidume. 15 El conduciute a través do inmenso e terrible deserto, con serpes velenosas e alacráns, sequidade e terra sen auga, El fixo saír auga da rocha de pedernal para ti. 16 No deserto alimentoute co maná que os teus pais non coñeceran, para aflixirte e probarte, e co fin de che facer ben. 17 Non sexa que vaias dicir no teu corazón: o meu poder e a forza da miña man son os que me produciron esta riqueza. 18 Mais lémbrate de Iahveh o teu Deus, porque El é quen che dá o poder para producires riquezas, a fin de confirmar o seu pacto, o que xurara a teus pais como neste día. 19 Mais acontecerá que se algunha vez esqueces a Iahveh o teu Deus, e vas detrás doutros deuses e os serves e adoras, eu testifico contra vós que de seguro morreredes. 20 Como as nacións que Iahveh destrúe diante de vós, así morreredes, porque non escoitastes a voz de Iahveh o voso Deus.