1 Despois volvímonos e saímos cara o deserto polo camiño do mar Vermello como Iahveh mo mandara, e por moitos días demos voltas ao monte Seir. 2 Iahveh faloume así: 3 "Destes voltas ao redor deste monte. Volvede agora cara o norte. 4 Dálle orde ao pobo dicindo: "Ides pasar polas terras dos vosos irmáns, os fillos de Esaú que viven en Seir, e eles teranvos medo. Así que ide con moito tino. 5 Non os provoquedes porque non vos darei nada da súa terra nin sequera a pegada dun pé porque a Esaú deille o monte Seir por herdanza. 6 Mercarédeslle con cartos os alimentos e tamén con cartos compraredes a auga. 7 Porque Iahveh o teu Deus bendiciuvos en todo o que fixeches. El coñeceu o teu peregrinar a través deste enorme deserto. Durante estes corenta anos Iahveh o teu Deus estivo contigo e non che faltou nada." 8 Así pasamos polo lado dos nosos irmáns, os fillos de Esaú que viven en Seir, deixando o camiño do Arabá lonxe de Elat e de Esión Guéber. Volvimos e pasamos polo camiño do deserto de Moab. 9 E díxome Iahveh: "Non ataques a Moab, nin o provoques á guerra, porque no che darei nada por herdanza, xa que lle dei Ar aos fillos de Lot por posesión". 10 Noutro tempo vivían os emitas, pobo tan grande, numeroso e tan alto coma os anaceos. 11 E coma os anaceos, eles tamén son considerados refaítas, mais os moabitas chámanlles emitas. 12 Antes viviron os horitas en Seir, mais os fillos de Esaú expulsáronos ; e botáronos de diante deles, e establecéronse no lugar deles, coma fixo Israel na terra que Iahveh lles deu por herdanza. 13 "Erguédevos agora, e atravesade o regato de Zered". E pasamos o regato de Zered. 14 Trinta e oito anos foi o tempo que nos levou chegar de Cades Barnea ata que atravesamos o regato de Zered, ata que desapareceu toda a xeración de guerreiros do medio do campamento, como Iahveh llelo xurara. 15 Ademais a man de Iahveh estivo na contra deles para destruílos do medio do campamento, ata que desapareceron completamente. 16 Cando todos os homes de guerra desapareceran de entre o pobo por iren morrendo, 17 Iahveh faloume: 18 "Hoxe irás á fronteira de Moab por Ar. 19 E cando chegues onda os amonitas, non os molestes nin os provoques, porque non che darei por herdanza nada do territorio dos fillos de Amón, xa que é a herdanza dos fillos de Lot." 20 Esta rexión é tamén coñecida como a terra dos refaítas, xa que noutros tempos viviron nela xigantes, aos que os amonitas chaman zamzumitas, 21 un pobo grande, numeroso e alto de estatura coma os anaquitas pero que Iahveh destruíu diante deles, os que os desposuíron, e fíxoselles habitar no seu lugar, 22 tal e como fixo cos fillos de Esaú que viven en Seir cando destruíu aos horeos diante deles, e os desposuíron e establecéronse naquel lugar ata hoxe. 23 Os avitas que vivían en aldeas ata Gaza, os caftoreos, que saíran de Caftor, destruíronos para se estableceren no seu lugar. 24 Erguédevos, poñedevos en marcha e pasade polo val do Arnón. Mira que che entrego na túa man a Sehón, o amorreo, rey de Hesbón, e a súa terra. Comeza a tomar posesión dela e entra en batalla con el. 25 Hoxe comezarei a difundir arrepío e terror entre os pobos que hai debaixo dos ceos, quen ao escoitar da túa sona, han tremer e agoniar pola túa presenza. 26 Entón eu dende o deserto de Cademot enviei mensaxeiros a Sehón, rei de Hesbón cunha mensaxe de paz, dicíndolle: 27 "Déixame pasar pola túa terra, só irei polo camiño sen virar a dereita ou a esquerda". 28 Venderasme alimentos para que poida comer e venderasme auga para que poida beber, déixame só pasar polo camiño 29 tal e como fixeron os fillos de Esaú que viven en Seir e os moabitas que habitan en Ar ata que cruce o Xordán para a terra que Iahveh o noso Deus nos dá". 30 Pero Sehón, rei de Hesbón, non nos quixo deixar pasar pola súa terra porque Iahveh o teu Deus volveu duro o seu espírito e fixo o seu corazón obstinado para entregalos nas túas mans tal e como están hoxe. 31 E díxome Iahveh: "Mira, eu entrego a Sehón e a súa terra nas túas mans. Comeza a conquistar a súa terra para que a posúas." 32 Entón Sehón saíu con todo o seu pobo para encontrarnos na batalla de Iahaza. 33 E Iahveh o noso Deus entregóunolo, a el, aos seus fillos e a todo o seu pobo. 34 E naquel momento tomamos todas as súas cidades e exterminamos a homes, a mulleres e a nenos de cada cidade, sen deixarmos ningún sobrevivente. 35 Só tomamos como botín os animais e o espolio das cidades que conquistaramos. 36 Dende Aroer, que está na beira do val do Arnón, e dende a cidade que está no val, ata Gallad, houbo cidades que se nos resistiron. Iahveh o noso Deus entregóunolas todas. 37 Soamente non te achegaches á terra dos fillos de Amón, ao longo do río Iaboc, nin ás cidades do monte, todo canto Iahveh o noso Deus prohibira.