Capítulo 19

1 Cando Iahveh o teu Deus destrúa as nacións das que Iahveh che dá a súa terra, e ti as desaloxes, e habites nas súas cidades e nas súas casas, 2 reservarás tres cidades no medio da terra que Iahveh o teu Deus che dá en posesión. 3 Prepararás os camiños, e dividirás en tres partes o territorio da túa terra que Iahevh o teu Deus che dá en posesión, para que fuxa alí todo homicida. 4 E este será o caso do homicida que fuxa alí e viva: cando mate ao seu próximo sen querer, sen odialo anteriormente. 5 Tal como cando un home vai ao bosque co seu próximo para fender leña, e ao botarlle a man ao machado para cortar a árbore, o ferro sóltase do mango e bate contra o seu próximo, e este morre, el poderá fuxir a unha destas cidades e conservar a vida; 6 non sexa que o vingador do sangue persiga o homicida en quente, e ao ser longo o camiño, o alcance e lle quite a vida, non sendo el merecedor de morte, xa que non o odiaba anteriormente. 7 Por tanto, mándoche, dicindo: haste reservar tres cidades. 8 E se Iahveh o teu Deus ensancha o teu territorio, como xurou aos teus pais, e che dá toda a terra que dixo que daría aos teus pais 9 (se gardas coidadosamente todos estes mandamentos que che mando hoxe, de amar a Iahveh o teu Deus e de andar sempre nos seus camiños), entón poderás engadir tres cidades máis, amais destas tres. 10 Deste xeito non se derramará sangue inocente no medio da túa terra que Iahveh o teu Deus che dá por herdade, e non serás culpable de derramar sangue algunha. 11 Pero se hai un home que odia o seu próximo, e lle ande ao asexo, e erguéndose contra del, e féreo de morte, e morre e foxe a unha destas cidades, 12 entón os anciáns da súa cidade mandarán a prendelo de alí, e entregarano ao vingador do sangue para que morra. 13 Non terás piedade del; deste xeito limparás de Israel o sangue do inocente, para que che vaia ben. 14 Non moverás os lindeiros do teu próximo, fixados polos antepasados, na herdanza que recibas na terra que Iahveh o teu Deus che dá en posesión. 15 Non se levantará unha soa testemuña contra un home por calquera iniquidade ou por calquera pecado que cometese; o caso será confirmado polo testemuño de dúas ou tres testemuñas. 16 Se aparece unha testemuña falsa contra alguén para acusalo dunha transgresión, 17 os dous litigantes hanse presentar diante de Iahveh, diante dos sacerdotes e dos xuíces que haxa neses días. 18 E os xuíces farán unha boa pescuda; e se a testemuña é unha testemuña falsa e acusou o seu irmán falsamente, 19 entón farédeslle a el o que el tentaba facer ao seu irmán. Así quitarás o mal de en medio de ti. 20 Os demais escoitarán e temerán, e nunca máis volverán facer unha maldade semellante entre os teus. 21 E non terás piedade: vida por vida, ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé.