Capítulo 5

1 Porque sabemos que se a nosa casa terreal, esta tenda, é destruída, temos de Deus un edificio, unha casa non feita por mans, eterna, nos ceos. 2 En verdade, neste corpo xememos, desexando ser revestidos coa nosa habitación celestial. 3 Pois, deste xeito, mesmo que desvestidos, non estaremos nús. 4 Porque os que aínda estamos nesta tenda, xememos, pois non queremos ser desvestidos senón vestidos, para que o mortal sexa absorbido pola vida. 5 Pero foi Deus quen nos destinou para isto, quen nos deu o Espírito como garantía. 6 Polo tanto, estamos animados sempre sabendo que, mentres habitamos no corpo, estamos ausentes do Señor, 7 (porque por fe andamos, non por vista); 8 pero collemos folgos e preferimos mais ben estar ausentes do corpo e habitar co Señor. 9 Polo que tamén procuramos, xa sexa presentes ou ausentes, serlle agradables, 10 porque é preciso que todos nós comparezamos ante o tribunal de Cristo, para que cada un reciba de acordo ao que fixo estando no corpo, sexa bo ou malo. 11 Polo tanto, coñecendo o temor do Señor, persuadimos ás persoas, pero a Deus somos manifestos, e agardo sexamos manifestos tamén nas vosas conciencias. 12 Non nos recomendamos de novo a nós mesmos, senón que vos damos a posibilidade de que vos gloriedes por nós, para que saibades que respostar para os que se gaban na aparencia, e non no corazón. 13 Porque se estamos tolos, é para Deus; e se estamos asisados, é para vós. 14 Pois o amor de Cristo pon en nós esa carga, pensando isto: que se un morreu por todos, daquela, todos morreron; 15 e por todos morreu, para que os que viven, xa non vivan para si, senón para aquel que morreu e resucitou por eles. 16 De xeito que nós, de agora en diante, xa non coñecemos a ninguén segundo a carne, e se aínda coñecemos ao Mesías segundo a carne, xa non o coñecemos así. 17 De maneira que se alguén está en Cristo, é unha nova creación; as cousas vellas pasaron; velaquí, son feitas novas. 18 E todo vén de Deus, quen nos reconciliou consigo mesmo por medio de Cristo, e confiounos o ministerio da reconciliación; 19 sendo que, Deus estaba en Cristo, reconciliando o mundo consigo mesmo, non téndolle en conta as súas transgresións ás persoas, e puxo en nós a palabra da reconciliación. 20 Polo tanto, somos embaixadores de Cristo, como se Deus rogara por medio de nós; no nome de Cristo suplicamos: reconciliádevos con Deus! 21 Ao que non coñeceu pecado, fíxoo pecado por nós, para que nós chegaramos a ser xustiza de Deus nel.