Capítulo 3

1 Comezaremos de novo a recomendarnos a nós mesmos? Ou será que temos necesidade, como algúns, de cartas de recomendación para vós, ou de vosoutros? 2 Vós sodes a nosa carta, escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por tódalas persoas, 3 quedando claro que sodes unha carta de Cristo ministrada por nós, escrita non con tinta, senón co Espírito do Deus vivo; non en táboas de pedra, senón nas táboas de corazóns humanos. 4 Pero así temos esta certeza cara Deus por medio do Mesías: 5 non que sexamos autosuficientes para atribuírnos cousa algunha, senón que a nosa suficiencia vén de Deus, 6 quen tamén nos capacitou como servos dun novo pacto, non da letra, senón do Espírito; porque a letra mata, pero o Espírito dá vida. 7 Pero se o gravado con letras en pedras foi con gloria, servindo para morte, de xeito que os fillos de Israel non podían mirar fixamente a cara de Moisés por mor do esplendor da súa faciana, que se esvaecía, 8 como non será aínda con máis gloria o ministerio do Espírito? 9 Porque se no ministerio da condenación hai gloria, moito máis abunda en gloria o ministerio da xustiza. 10 Pois aínda o que foi glorioso, non o é tanto, porque hai unha gloria que o sobrepasa. 11 Porque se o que se esvaece foi con gloria, moito máis glorioso será o que permanece. 12 Así que, tendo tal esperanza, falamos con moita franqueza, 13 e non coma Moisés que poñía un veo sobre a súa faciana para que os fillos de Israel non lle puxeran o ollo ao que finalmente se ía esvaecer. 14 Pero o entendemento deles foi endurecido, pois ata o sol de hoxe, na lectura do antigo pacto segue o veo sen descorrer, pois só en Cristo é quitado. 15 E ata hoxe, cada vez que se le a Moisés, hai un veo posto nos seus corazóns; 16 pero cando algún se volve ao Señor, o veo é quitado. 17 Porque o Señor é o Espírito; e onde está o Espírito do Señor, hai liberdade. 18 Pero todos nós, coa faciana descuberta, reflectimos a gloria do Señor, e imos sendo transformados de gloria en gloria polo Espírito, á imaxe do Señor.