Capítulo 9

1 Non son libre? Non son apóstolo? Non vin a Xesús noso Señor? Non sodes vós a miña obra no Señor? 2 Se para outros non son apóstolo, polo menos para vós si que o son; pois sodes o selo do meu apostolado no Señor. 3 Esta é a miña defensa contra os que me acusan: 4 será que non temos dereito a comer e beber? 5 Será que non temos dereito a levar connosco unha esposa crente, así como os demais apóstolos e os irmáns do Señor, e Cefas? 6 Ou só Bernabé máis eu non temos dereito a non traballar? 7 Quen serviu algunha vez coma soldado a conta de seu? Quen planta unha viña e non come do seu froito? Ou quen coida un rabaño e non bebe o leite do seu rabaño? 8 Non digo estas cousas como humano, ou é que a lei non di o mesmo? 9 Pois na lei de Moisés está escrito: "Non porás bozo ao boi que trilla". Preocúpanlle a Deus os bois, 10 ou o di precisamente por nós? Si, escribiuse por nós, porque o que ara debe arar con esperanza, e o que trilla coa esperanza de ter a súa parte. 11 Se sementamos en vós o espiritual, será moito que colleitemos de vós o material? 12 Se outros participan deste privilexio sobre vós, canto mais nós? Con todo, non facemos uso deste dereito senón que o soportamos todo para non poñer ningún atranco ao evanxeo do Mesías. 13 Non sabedes que os que se adican aos servizos sagrados comen da comida do templo, e os que acotío serven ao altar, participan do altar? 14 Así mesmo ordenou o Señor que os que proclaman o evanxeo, vivan do evanxeo. 15 Mais non me aproveitei de ningunha destas cousas, e non o escribo para que se faga así comigo, porque para min mellor é morrer a que ninguén faga va esta a miña gloria. 16 Porque se predico o evanxeo, non teño nada de que gloriarme, pois levo enriba esa necesidade; e, ai de min se non predicase o evanxeo! 17 Pois se fago isto de xeito voluntario, salario teño; pero sendo por imposición, foime confiada unha mordomía. 18 Cal é, entón, a miña recompensa? Que predicando as boas novas, presente gratuitamente o evanxeo para non facer uso do meu dereito no evanxeo. 19 Entón, sendo libre de todos, fíxenme escravo de todos para gañar a maior número. 20 Fíxenme xudeu para os xudeus, coa fin de gañar os xudeus; para os que están baixo a lei, como baixo a lei (aínda que eu non estou baixo a lei) a fin de gañar os que están baixo a lei; 21 aos que están sen lei, como sen lei (aínda que non estou sen a lei de Deus, senón baixo a lei de Cristo) para gañar os que están sen lei. 22 Fíxenme feble para os febles, para gañar os febles; fíxenme todo con todos, para dalgún xeito salvar a algúns. 23 E fago todo por amor do evanxeo, para ser copartícipe del. 24 Non sabedes que os que corren no estadio, todos á verdade corren, pero só un recibe o premio? Correde de tal xeito que o acadedes! 25 Pero todo aquel que se esforza loitando aprende a conterse; de feito fano para recibir unha coroa corruptible, mais nós unha incorruptible. 26 Polo tanto, eu corro deste xeito, non como sen ter meta; deste xeito pelexo, non como dando golpes ao ar, 27 senón que dobrego o meu corpo poñéndoo en servidume, non sexa que téndolle predicado a outros, eu mesmo veña ser descualificado.