Capítulo 3

1 Polo demais, meus irmáns, estade alegres no Señor. A min non me molesta volvervos escribir o mesmo, e para vós é cuestión de seguridade. 2 Coidádevos dos cans, coidádevos dos malos obreiros, coidádevos da falsa circuncisión; 3 Porque a verdadeira circuncisión somos nós, os que adoramos polo Espírito de Deus dando gloria a Cristo Xesús, e non confiando nas propias forzas, 4 aínda que eu ben podería confiar nelas. Se alguén pensa que ten motivos para confiar nas propias forzas, eu moito máis: 5 circuncidado no día oitavo, da liñaxe de Israel, da tribo de Benxamín, hebreo de hebreos; en canto á lei, un fariseo; 6 en canto ao celo, perseguidor da igrexa; en canto á xustiza da lei, irreprensible. 7 Pero todo canto para mira era de proveito e ganacia, por amor a Cristo, considéroo coma unha perda. 8 E aínda máis, considero tódalas cousas como unha perda tendo en conta o insuperable valor de coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor, por quen perdín todo iso, e considéroo como lixo para gañar a Cristo, 9 e atoparme nel, non coa miña propia xustiza que procede da lei, senón a que é a través da fe en Cristo, a xustiza que procede de Deus pola fe, 10 para coñecelo a El, o poder da súa resurrección e a participación nos seus sufrimentos, chegando a ser coma El na súa morte, 11 se dalgún xeito puidera chegar á resurrección de entre os mortos. 12 Non é que xa teña conseguido todo isto nen que xa me fixera perfecto, senón que sigo adiante agardando acadar aquilo para o que tamén fun aferrado por Cristo Xesús. 13 Irmáns, eu mesmo non considero que xa o teño acadado; pero fago unha cousa: esquecendo o que quedou atrás e estendéndome ao que está por diante, 14 prosigo cara a meta para conseguir o premio do máis alto chamado de Deus en Cristo Xesús. 15 Porén, todos os que somos maduros espiritualmente, teñamos esta mesma actitude; e se nalgún punto pensades doutro xeito, iso tamén vos será revelado por Deus; 16 pero naquilo que teñamos chegado, sigamos na mesma liña. 17 Irmáns, imitádeme a min, e observade aos que andan segundo o exemplo que tedes en nós. 18 Porque como vos dixen a miúdo, e agora vos repito ata chorando, moitos andan como inimigos da cruz de Cristo. 19 O seu fin é a destrución, o seu deus é o seu apetito e a súa gloria está na súa vergoña. Só pensan nas cousas terreais. 20 En troques, a nosa cidadanía está no ceo, de onde tamén agardamos ansiosamente ao Salvador, o Señor Xesús Cristo. 21 El ha transformar o noso corpo miserable para semellar o seu corpo glorioso, polo exercicio do poder con que somete a si mesmo tódalas cousas.