Capítulo 2

1 Por iso, temos que poñer máis atención ao que escoitamos, non sexa que nos desviemos. 2 Pois se a palabra declarada por medio dos anxos resultou ser firme, e toda a transgresión e desobediencia recibiu xusto castigo, 3 como fuxiremos nós se descoidamos unha salvación tan grande? A que, despois de ter sido anunciada polo Señor, foinos confirmada polos que o ouviron, 4 testificando Deus con eles, tanto por sinais como por prodixios, e por diversos milagres e dons repartidos polo Espírito Santo segundo a súa propia vontade. 5 Porque non someteu aos anxos este mundo que está por vir do que estamos a falar. 6 Mais un testemuñou nalgures: "que é o home para que te lembres del, ou o fillo do home para que o teñas en conta? 7 Fixéchelo un chisco menor aos anxos; coroáchelo de gloria e honor, e puxéchelo sobre as obras das túas mans; 8 sometíchelo todo baixo os seus pés". Porque ao estarlle todo sometido, non deixou sen lle someter. Mais agora non vemos tódalas cousas que lle están a ser sometidas. 9 Con todo vemos a Aquel que é pouco menor aos anxos, é dicir, a Xesús, coroado de gloria e honor polo padecemento da morte, para que pola graza de Deus gostara a morte por todos. 10 Porque conviña que Aquel, por quen son tódalas cousas, e por medio do que subsisten tódalas cousas, sendo quen de levar moitos fillos á gloria, perfeccionara por medio do padecemento ao autor da salvación deles. 11 Porque tanto o que santifica como os santificados, son todos dun; polo que El non se avergoña de chamalos irmáns, 12 dicindo: "anunciarei o teu nome aos meus irmáns, no medio da congregación heiche louvar con cantos". 13 E outra vez máis: "Eu confiarei nel". E outra vez: "velaí, eu e máis os fillos que Deus me deu". 14 Por iso , como os fillos participan de carne e sangue, El tamén participou disto mediante a morte para anular o poder daquel que tiña a morte, é dicir, o diaño; 15 e liberar a todos aqueles que por temor á morte están suxeitos a escravitude para toda a vida. 16 Porque de certo non vén axudar aos anxos, senón que vén na axuda da descendencia de Abraham. 17 Por iso tiña que asemellarse aos seus irmáns en todo, a fin de que chegase a ser un sumo sacerdote misericordioso e fiel nas cousas de Deus, para facer expiación polos pecados do pobo. 18 Xa que El mesmo padeceu sendo tentado no sufrimento, é poderoso para socorrer aos que son tentados.