Capítulo 1

1 Paulo, apóstolo, non de homes nen pola man dos homes senón por medio de Xesús Cristo e Deus o Pai, quen o resucitou dos mortos, 2 e todos os irmáns que están comigo, ás igrexas de Galacia: 3 a graza e a paz de Deus noso Pai e Señor Xesús Cristo sexa con vós, 4 Quen se deu a si mesmo polos nosos pecados, segundo a vontade do noso Deus e Pai para poder librarnos destes malos tempos nos que vivimos, 5 a El sexa a gloria por sempre. Amén. 6 Abráiame que abandonarades tan pronto ao que vos chamou pola graza, para seguir un evanxeo diferente. 7 Isto non quere dicir que hai outro evanxeo, senón que hai algúns que vos andan a quentar a cabeza e queren revirar o evanxeo de Cristo. 8 Pero se mesmo nós, ou un anxo do ceo, vos anunciase un evanxeo contrario ao que vos temos anunciado, sexa maldito. 9 Como dixemos antes, e tamén repito agora: se algún vos anuncia un evanxeo contrario ao que recibistes, sexa maldito. 10 Porque, busco quedar ben coas persoas ou con Deus? Ou fago o esforzo de agradar ás persoas? Se estivese tratando de compracer ás persoas, non sería servo de Cristo. 11 Porque quero que saibades, irmáns, que o evanxeo que anunciei non é evanxeo humano. 12 Xa que eu non o recibín de persoa algunha, nen mo ensinaron. Pola contra, foime revelado por Xesús Cristo. 13 Porque vós escoitastes da miña antiga maneira de vivir no xudaísmo, como dera en perseguir á igrexa de Deus sen misericordia, tratando de destruíla, 14 e, como eu avantaxaba a moitos dos meus contemporáneos e do meu propio pobo, amosando moito máis celo polas tradicións dos meus devanceiros. 15 Pero cando Deus, que me escolleu dende o seo da miña nai e me chamou pola súa graza, 16 tivo a ben revelar o seu Fillo en min para que anunciase as boas novas aos xentís, non pedín consello de seguida á ningunha persoa, 17 nen subín a Xerusalén onda os apóstolos que me precederon, senón que fun a Arabia, e despois volvín a Damasco. 18 Despois de tres anos, subín a Xerusalén para coñecer a Pedro, e quedei con el quince días. 19 Pero non vin a ningún máis dos apóstolos, agás a Xacobe, o irmán do Señor. 20 (Asegúrovos diante de Deus que non minto no que vos escribo). 21 Despois fun ás rexións de Siria e Cilicia. 22 Mais aínda non me coñecían en persoa nas igrexas de Xudea que están en Cristo, 23 senón que só escoitaran dicir: o que noutro tempo nos perseguía, agora predica a fe que nun tempo quería destruír. 24 E por esta razón glorificaban a Deus.