Capítulo 1

1 Paulo, Silvano e Timoteo, á igrexa dos tesalonicenses en Deus Pai e no Señor Xesús, o Mesías: Graza e paz a vosoutros. 2 Damos grazas a Deus sempre por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións; 3 lembrando sempre diante do noso Deus e Pai os feitos da vosa fe, o traballo do voso amor e a paciencia na esperanza de Xesús Cristo, noso Señor. 4 Sabendo, irmáns amados por Deus, que El vos escolleu; 5 porque o noso evanxeo non foi a vós soamente con palabras, senón tamén con poder, e co Espírito Santo, cheo de certeza; así como sabedes como nos comportamos convosco por amor a vós. 6 E vós viñestes ser nosos imitadores, así como do Señor, tendo recibido a Palabra no medio de moito sufrimento, mais con ledicia do Espírito Santo; 7 de xeito tal que chegastes a ser exemplo para todos os que cren, tando na Macedoia coma en Acaia. 8 Pois, partindo de vós a palabra do Señor resoou, non só na Macedonia e en Acaia, senón en todo lugar e espallouse a vosa fe para con Deus de xeito que non precisamos falar cousa algunha. 9 Porque eles mesmos anuncian o que vós sodes e a vosa acollida para connosco, e como vos convertestes dos ídolos a Deus, para servir ao Deus vivo e verdadeiro, 10 e para agardar dos ceos ao seu Fillo, a quen resucitou de entre os mortos, a Xesús, Aquel que nos libra da ira que está por vir.